Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Maio 2026.

SOS Sanidade Pública chama a mobilizarse o próximo luns en defensa dunha atención primaria de calidade

    Haberá concentracións en varios centros de saúde para esixir apoio político para reverter o seu desmantelamento

    09/04/2026.
    Presentación das mobilizacións.

    Presentación das mobilizacións.

    A plataforma SOS Sanidade Pública organiza este próximo luns, día 13, concentracións ante varios centros de saúde para esixir unha atención primaria de calidade como piar fundamental do sistema sanitario público. A mobilización prodúcese con motivo do Día Internacional da Atención Primaria, que se celebra o 12 de abril. CCOO de Galicia, como integrante da plataforma, chama a participar destas protestas, que listamos abaixo.

    SOS Sanidade denuncia que a atención primaria carece do apoio político necesario para sobrevivir, malia que está demostrado que os sistemas sanitarios que a potencian logran unha maior esperanza de vida e teñen menores taxas de mortalidade.

    Porén, en Galicia a norma é ver centros de saúde saturados, sen o persoal suficiente, pechados no rural o funcionando a medio gas. O persoal abandona a atención primaria pola precariedade mentres se contratan profesionais non especializados, co que se pon en risco o modelo actual de atención sanitaria.

    Un problema importante é que unha boa parte de quen toma decisións políticas despreza a atención pimaria: será porque non a utilizan, por pertencer ás obsoletas mutualidades de funcionarios/as ou por ter cartos para ir a privada. Como consecuencia desta crise sanitaria de desmantelamento, dispáranse os casos graves, colápsanse as urxencias hospitalarias, empeórase o prognóstico das doenzas e multiplícase o sufrimento das persoas enfermas.

    SOS Sanidade esixe:

    1. Incrementar os recursos da AP ata o 25% do orzamento sanitario (está no 14%).

    2.- Garantir a accesibilidade, lonxitudinalidade e a continuidade asistencial con maiores recursos.

    3.- Unha política de persoal xusta e incentivadora, con oposicións anuais ata completar as prazas vacantes na actualidade.

    4.- Combater o abuso da medicalización e a burocracia absurda.

    5.- Reorientar a AP cara á saúde en lugar de a enfermidade, desenvolvendo estratexias de saúde comunitaria.

    6.- Que a atención que se presta dende a hospitalización a domicilio (HADO), sexa por criterios sanitarios e non por distancia ao hospital de referencia.

    7.- Asegurar a formación e a investigación de calidade en todas as categorías de persoal, dende a administración.

    8.- Incentivar a participación cidadá, ca posta en marcha do Consello de Saúde de Galicia e os Consellos de Saúde de Área Sanitaria.

    9.- Negociar (pero en serio) na Mesa Sectorial de Sanidade os problemas laborais.

    Concentracións (todas o luns agás a de Portonovo, que é o domingo):

    — A CORUÑA. Luns 13 de abril, ás 11h no CS San Xosé

    — BAIONA. Luns 13 de abril, ás 12h no CS de Baiona

    — CANGAS. Luns 13 de abril, ás 12h no CS de Cangas

    — CATOIRA. Luns 13 de abril, ás 11.30h no CS de Catoira. Compostela" 13 de abril, ás 11 no Centro de Saúde de Fontiñas.

    — FERROL. Luns 13 de abril, ás 19h no CS Fontenla Maristany

    — GONDOMAR. Luns 13 de abril, ás 12h no CS de Gondomar

    — LUGO. Luns 13 de abril, ás 12h no CS da praza de Ferrol

    — MARÍN. Luns 13 de abril, ás 20.30h no CS de Marín MOAÑA. Luns 13 de abril, ás 12h diante da Casa do Mar

    — O GROVE. Luns 13 de abril, ás 12h. no CS do Grove

    — OURENSE. Luns 13 de abril, ás 11.30h no CS Valle Inclán

    — PANXÓN. Luns 13 de abril, ás 12h no CS de Panxón

    — PONTEVEDRA. Luns 13 de abril, ás 11h no CS Virxe Peregrina

    — REDONDELA. Martes 14 de abril, ás 20h no CS de Redondela

    — RIBEIRA. Luns 13 de abril, ás 20h no CS de Ribeira

    — SANXENXO. Domingo 12 de abril, ás 12h no CS Baltar (Portonovo) VIGO. Luns 13 de abril, ás 11h no CS Olimpia Valencia

    — VIVEIRO. Luns 13 de abril, ás 11.30h no CS de Viveiro