Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Maio 2026.

Acordo clave no sector do transporte de viaxeiros por estrada da Coruña para o convenio de eficacia limitada 2025-2026

    O pacto busca garantir a estabilidade laboral, mellorar a conciliación e poñer fin á conflitividade

    14/04/2026.
    Protesta na estación de autobuses de Santiago.

    Protesta na estación de autobuses de Santiago.

    As principais asociacións patronais do sector do transporte e o sindicato CCOO formalizaron o xoves, día 9, en Santiago, o asinamento do novo convenio colectivo de eficacia limitada para o transporte de viaxeiros en autobús da provincia da Coruña.

    Este acordo, que vincula as empresas do sector para os anos 2025 e 2026, busca garantir a estabilidade laboral, mellorar a conciliación e poñer fin á conflitividade que afectaba tanto a traballadores como á cidadanía.

    O pacto recolle unha actualización económica significativa para as persoas traballadoras que se adhiran ao convenio:

    Incremento salarial: establécese unha suba do 3,4 % para o ano 2025 e un 3,4 % para 2026. No caso de que o IPC supere esta cifra en 2026, as táboas actualizaranse no 1 de xaneiro de 2027.

    Plus de festivos: aboarase un complemento de 50 € por traballo en días festivos, que ascenderá a 100 € en datas especiais (24, 25, 31 de decembro e 1 de xaneiro).

    Plus de absentismo: créase un incentivo de ata 1000 € brutos anuais, con pagos trimestrais de 250 €, se a taxa media de absentismo da empresa é inferior ao 6 %.

    Servizos discrecionais: o persoal de condución en servizos de máis de 12 horas á disposición da empresa percibirá un complemento do 60 % do seu salario base diario.

    Avances en conciliación e xornada

    Un dos puntos clave da negociación foi a regulación das condicións de traballo para favorecer o descanso:

    Xornada anual: fíxase en 1800 horas anuais (40 horas semanais en cómputo semanal).

    Cuadrantes con antelación: as empresas facilitarán os cuadrantes de servizo e descanso con dúas semanas de antelación, para permitir unha mellor planificación persoal.

    Xornada continuada: priorizarase a súa implantación e establécese un plus de 8 € diarios para quen realice este tipo de xornada en traxectos inferiores a 50 quilómetros.

    Asuntos propios e lactación: consolídanse dous días de permiso retribuído para o ano 2026 e establécese a acumulación do permiso de lactación en 17 días.

    O convenio introduce a realización obrigatoria dun recoñecemento médico anual exhaustivo para o persoal de condución. Así mesmo, acórdase a adaptación á lei sobre a desconexión dixital e o arquivo dos expedientes sancionadores derivados da falta de prestación de servizos mínimos cando for por causas non imputables á persoa traballadora.

    Proceso de adhesión

    Ao ser un convenio de eficacia limitada, este acordo aplicarase exclusivamente ás persoas traballadoras que manifesten de forma expresa e individual a súa vontade de adhesión.

    A adhesión deberá formalizarse por escrito ante a empresa antes do día 1 de maio de 2026. A decisión ten carácter voluntario e non poderá supoñer ningún tipo de discriminación nin trato desfavorable.

    A comisión negociadora estivo integrada polas patronais TRANSGACAR, ASGATRAVI, ANETRA GALICIA e TRANSVIAC e pola representación sindical de CCOO.