Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Maio 2026.

CCOO convoca eleccións sindicais na empresa de VTC Corvus Galicia ante a súa intención de socavar os dereitos laborais

    A dirección fixo movementos para adulterar a representación das persoas traballadoras a través dun sindicato instrumental que non defenda as mellores condicións para o cadro de persoal

    15/04/2026.
    Un vehículo VTV / Óskar González

    Un vehículo VTV / Óskar González

    CCOO, a través da Federación de Servizos á Cidadanía (FSC) da Coruña, acaba de preavisar para dar inicio ao primeiro proceso electoral na empresa de VTC Corvus Galicia SL, dados os movementos da dirección para socavar os dereitos laborais das persoas traballadoras e a súa representación mediante o pulo a un sindicato instrumental.

    A empresa, que actualmente conta cunhas 90 persoas traballadoras e que iniciou a súa actividade na cidade da Coruña en xuño de 2025, xa recibiu a notificación inicial por parte de CCOO para comezar co proceso electoral; tamén se lle notificou legalmente quen serán inicialmente as persoas candidatas do sindicato, co fin de evitar posibles represalias laborais contra elas e, deste xeito, protexer a súa liberdade sindical.

    Desde o inicio da actividade da empresa Corvus Galicia SL, son varias as persoas traballadoras que acudiron á FSC de CCOO da Coruña para asesorarse ante diferentes situacións de incumprimentos laborais. É a razón pola que o proceso de eleccións sindicais na empresa era unha necesidade manifestada por moitas das persoas traballadoras, cuxo obxectivo é obter unha representación sindical que poida velar polo cumprimento dos seus dereitos laborais de forma colectiva.

    Ante a iniciativa de achegamento das persoas traballadoras a CCOO, a empresa tentou promover unha organización sindical mediante un sindicato instrumental (SLT). Comisións Obreiras non pode admitir que a través deste sindicato, tal e como intentaron noutras comunidades autónomas, se adultere a representación das persoas traballadoras para pactar unhas condicións prexudiciais e que só benefician a patronal.

    Xa se puido comprobar que con este método non se poñen en valor as esixencias que manifesta o persoal —con salarios rozando o SMI— e que se incumpren decontino as sentenzas que establecen traballo e descanso.

    Desde CCOO animamos as persoas traballadoras de VTC da empresa Corvus Galicia SL a organizarse no noso sindicato para teren representación e mellorar as súas condicións laborais.