Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Maio 2026.

CCOO de Galicia denuncia unha campaña patronal e institucional de criminalización da clase traballadora a conta das baixas

    Empresarios e Xunta eluden a crise sanitaria e variables como a intensificación dos ritmos de traballo, a media de idade das persoas traballadoras, a inestabilidade ou a falta de dereitos

    15/04/2026.
    Cartel da asemblea polo 28A en Ourense.

    Cartel da asemblea polo 28A en Ourense.

    CCOO de Galicia quere deixar claro que non permitirá que se criminalice as persoas traballadoras co adaxo do control do absentismo. A campaña desatada pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) en conivencia coa Xunta de Galicia constitúe unha ofensiva sen precedentes que busca culpabilizar os traballadores e traballadoras dun problema estrutural que finca as súas raíces na precariedade laboral, nas condicións insalubres de traballo e no colapso do noso sistema sanitario.

    Segundo o informe de Randstad Research, Galicia pechou 2025 cunha taxa de absentismo do 8,6 %, situándose como a cuarta comunidade autónoma con maior índice. A media no Estado e do 7,1 %. Esta cifra inclúe incapacidade temporal (IT), ausencias non xustificadas e outros conceptos. Pero se falamos de absentismo por IT, Galicia acada o 6,8 %, mentres que a media no Estado é do 5,5 %. O dato da nosa comunidade é o máis alto de España e, ademais, lidera os procesos de longa duración.

    Todas as cifras deben contextualizarse, xa que cando se fala desta cuestión se mesturan as cousas e se lle chama absentismo a todo e cunha explicación tan sinxela que ata resulta insultante.

    Desde CCOO denunciamos que a campaña oficial silencia sistematicamente a crise sanitaria galega. Mentres se crean unidades de control de baixas, ignóranse as listas de espera desmedidas en atención primaria: faltan profesionais e o tempo medio de espera para cita supera moitas veces os 15 días. Determinadas probas diagnósticas poden tardar ata oito ou nove meses; de feito, a porcentaxe de persoas traballadoras que esgotan o tempo máximo de baixa incrementouse de xeito substancial nos últimos anos.

    Malas condicións laborais e ausencia de prevención real

    A patronal e a Xunta eluden analizar no aumento das baixas outras variables que inciden directamente nos datos: as condicións laborais e físicas en determinadas empresas, a intensificación dos ritmos de traballo, a media de idade das persoas traballadoras, a inestabilidade, a rotación, a ausencia de dereitos, etc.

    A campaña da CEG e da Xunta fala de «revisar protocolos de baixas», pero non de reforzar a prevención. A maioría das pemes galegas non teñen feitas as avaliacións de riscos nin as psicosociais nin as ergonómicas. A intensificación do traballo, o control dixital, a esixencia de dispoñibilidade permanente e o acoso por obxectivos xeran estrés, ansiedade e depresión, que se traducen en baixas médicas.

    A hipocrisía da patronal da construción

    Desde CCOO queremos responder con especial dureza á afirmación da Federación Galega da Construción, que chega a invocar que é necesario «responder á demanda de vivenda» para xustificar a súa postura contra o absentismo. Esta afirmación é cínica e insultante para as persoas traballadoras.

    As carencias nesta materia en Galicia non se deben ao absentismo laboral, senón a unha política urbanística especulativa, á falta de vivenda protexida e aos prezos desorbitados do mercado inmobiliario. Tentar culpar as persoas traballadoras que se atopan de baixa médica —moitas veces por accidentes laborais ou enfermidades profesionais propias do sector— da crise da vivenda é unha manipulación indecente.

    A construción galega rexistrou en 2025 case 127 horas perdidas por asalariado (7,3 % da xornada pactada efectiva), un 1,1 % máis ca a media estatal. As baixas por IT representan o 6,4 % da xornada (segundo os datos da Enquisa trimestral de custos laborais analizados por Randstad Research e a Confederación Nacional da Construción). Estes datos reflicten as duras condicións do sector —manipulación manual de cargas, posturas forzadas, ruído, temperaturas extremas— e non unha suposta «preguiza» dos traballadores.

    O conflito de intereses das mutuas

    As mutuas de accidentes de traballo teñen un conflito estrutural de intereses: cobran das empresas e xestionan as baixas. Existen casos documentados de médicos de cabeceira que reciben presións, implícitas e explícitas, para non dar unha baixa ou para dar de alta prematuramente. As mutuas realizan recoñecementos que frecuentemente contradín o facultativo, forzando reincorporacións non recomendadas medicamente.

    A Xunta de Galicia, gobernada polo PP, está reproducindo o modelo de «austeridade laboral» que xa fracasou noutros países. Este tipo de reformas para reducir as baixas mediante control sanitario estrito aumenta o presentismo, empeora a saúde e, a longo prazo, incrementa os custos sanitarios.

    A Xunta e a CEG reclaman competitividade e aliñamento con Europa, pero negan a realidade europea. A estratexia europea de seguridade e saúde 2021-2027 prioriza a prevención primaria, a avaliación de riscos psicosociais e o benestar laboral.

    A campaña anunciada unilateralmente polo Goberno da Xunta de Galicia menciona os custos do absentismo (782 millóns de euros ao ano) para as empresas, pero nunca se contextualiza cos beneficios empresariais, por exemplo en sectores como o da distribución: Mercadona, Carrefour, Gadisa, Froiz —cadeas con beneficios millonarios— que son as que fan máis presión contra o absentismo.

    Temos claro que a Xunta está creando as condicións para unha reforma agresiva contra as persoas que traballan, querendo utilizar o dialogo social como pantalla de lexitimidade. Mentres, garda silencio sobre os beneficios empresariais.

    As palabras do presidente da CEG, Juan Manuel Vieites —«hai quen confunde absentismo con ter dereitos»— son unha provocación inaceptable. Desde CCOO esiximos que se respecten os dereitos laborais e sanitarios das persoas traballadoras. As baixas médicas son un dereito, non un privilexio, e a súa existencia responde a condicións de traballo que a patronal se nega a mellorar.

    Por último, dende CCOO de Galicia esiximos a empresarios e Gobernos:

    1. Fin á campaña de culpabilización das persoas traballadoras.

    2. Reforzo da atención primaria e redución das listas de espera.

    3. Investimento real en prevención de riscos laborais, especialmente psicosociais.

    4. Control do conflito de intereses das mutuas de accidentes de traballo.

    5. Diálogo social real que inclúa as causas estruturais do absentismo e non sirva de pantalla a medidas pactadas só coa patronal.

    Non permitiremos que se converta as persoas traballadoras en culpables dun modelo produtivo enfermo. Defenderemos con contundencia o dereito á saúde laboral e á baixa médica como dereito fundamental.