Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 19 Agosto 2026.

26 de abril, Día da Visibilidade Lesbia: Reivindicamos o afianzamento dos dereitos das mulleres lesbianas

    CCOO érguese na loita por unha sociedade sen fendas de xénero, igualitaria, equitativa e, en definitiva, democrática

    17/04/2026.
    Día da Visibilidae Lesbia

    Día da Visibilidae Lesbia

    A celebración deste día en España promoveuna no 2008 a FELGTBI+, co pulo do grupo de activistas lesbianas. A data conmemora a Jennifer Quiles, xornalista e activista lesbiana, autora do primeiro libro de autoaxuda que se editou no noso país para mulleres lesbianas e bisexuais: Más que amigas.

    Outros países, poucos aínda, reivindican o día da visibilidade lesbia noutras datas, tamén en conmemoración de eventos ou vidas de activistas lesbianas. Todos supoñen o compromiso por unha saída do armario sen prexuízos nin violencias, a loita por erradicar a dobre discriminación (xénero e orientación sexual) e a notable invisibilidade (sustentada nos prexuízos) que aínda sofren as mulleres lesbianas.

    A ONU oficializa o seu apoio ao 26 de abril na súa sección de Mulleres, denunciando tamén esa dobre discriminación e as violencias específicas derivadas da intersección entre ser muller e lesbiana, o que contradí o dereito fundamental a poder «ser libre para ser quen es e amar a quen ti elixas» (ONU-Mulleres, América Latina e Caribe).

    Este día é necesario para reivindicar o avance na aceptación da diversidade e a inclusión, cara a creación dunha sociedade libre de desigualdades, discriminacións e violencias e, sobre todo, cara a unha protección e defensa efectiva dos dereitos humanos.

    Por todo isto, tamén CCOO se ergue este 26 de abril na loita por unha sociedade sen fendas de xénero, igualitaria, equitativa e, en definitiva, democrática. Por unha sociedade que ofreza o mesmo trato e as mesmas oportunidades ás mulleres lesbianas.

    Facémolo todos os días do ano desde o ámbito que nos corresponde, apoiando e promovendo traballos libres de prexuízos, empresas onde, grazas á nosa presenza na negociación colectiva, se abren espazos antidiscriminatorios, espazos seguros para ser.

    Especialmente, facémolo este 26 de abril alzando a voz para unirnos ás demandas en prol dos mesmos dereitos e oportunidades para as mulleres lesbianas, sobre todo no espazo público e no laboral.

    Reivindicamos o afianzamento, en igualdade de condicións,dos dereitos das mulleres lesbianas!