Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Maio 2026.

CCOO denuncia unha "vendetta" do alcalde de Sanxenxo contra traballadores de Emerxencias

    A apertura de tres expedientes disciplinarios a traballadores do servizo municipal de emerxencias de Sanxenxo intensificou o conflito laboral entre a plantilla e o goberno local do alcalde Telmo Martín.

    22/04/2026.
    Imaxe rolda de prensa en Pontevedra

    Imaxe rolda de prensa en Pontevedra

    Nunha roda de prensa celebrada este mércores, o sindicato Comisións Obreiras denunciou que estas sancións, actualmente en trámite, constitúen unha "vendetta" contra empregados que viñan alertando de deficiencias estruturais no servizo.

    Os expedientes afectan ao presidente do comité de empresa e a outros dous traballadores, e non responden a feitos puntuais, senón a unha estratexia dirixida a "frenar a denuncia pública do deterioro do servizo". A secretaria xeral de CCOO Galicia, Amelia Pérez, cualificou a medida de "manobra de amedrentamento" e de "acto de represión sindical".

    Situación de deterioro no servizo

    O conflito enmárcase nunha situación que, segundo o comité, se arrastra desde hai meses. Os representantes dos traballadores aseguran que existen carencias materiais graves, como o uso de equipos de protección individual caducados ou vehículos en mal estado.

    Tamén denuncian a falta de persoal e o incumprimento dunha sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que obrigaría a manter tres efectivos por quenda de 24 horas, condición que non se está a respectar, segundo aseguran.

    Entre os episodios denunciados, o comité relata que o persoal chegou a intervir en incendios cun camión que perdía gasóil, unha situación que consideran de risco tanto para os traballadores como para a cidadanía. Asimesmo, sosteñen que actualmente hai cinco empregados de baixa, catro deles por situacións vinculadas ao "acoso laboral", e que só unha destas ausencias foi cuberta. Esta circunstancia, engaden, habería provocado incluso o peche nocturno do servizo entre as 23:00 e as 7:00 horas, a pesar dos convenios que obrigan ao seu funcionamento continuo.

    Expedientes disciplinarios como represalia e protestas dos traballadores

    Os expedientes disciplinarios, incoados en xaneiro de 2026 por faltas cualificadas como moi graves e que poderían acarrear despedimentos ou suspensións de emprego de ata seis anos, foron interpretados por CCOO como un "ataque directo" á plantilla.

    O secretario comarcal de organización de Comunicación, José Luis García Pedrosa, advertiu de que a situación "é unha declaración de guerra ao sindicalismo e imos a responder". Na mesma liña, o comité non descarta convocar paros e folgas nos próximos meses, o que podería afectar á campaña turística estival.

    Ademais, CCOO criticou a decisión do goberno local de destinar cerca de 9.000 euros á contratación de asistencia xurídica externa para tramitar os expedientes disciplinarios. Ao xuízo dos representantes dos traballadores, estes recursos deberían terse investido en mellorar o servizo.

    O sindicato anunciou un calendario de mobilizacións, que incluirá unha recollida de firmas, protestas coincidindo co Día Internacional dos Traballadores e posibles accións durante o verán.

    Os traballadores reclaman a retirada inmediata dos expedientes. O cumprimento da normativa de prevención de riscos. A reapertura de canles de diálogo co goberno municipal.

    Mentres tanto, o conflito continúa aberto, con posturas enfrontadas e sen avances aparentes cara a unha solución negociada.

    A asociación de GES de Galicia manífestou o respaldo a os compañeiros afectados e prevé organizar protestas para visibilizar a situación.