Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Maio 2026.

CCOO e UGT avisan de que no diálogo social porán enriba da mesa todas as variables sobre o mal chamado ‘absentismo’

    A secretaria xeral de CCOO e o seu homólogo de UGT presentaron as mobilizacións e reivindicacións de cara ao Primeiro de Maio, baixo o lema «Dereitos, non trincheiras. Salarios, vivenda e democracia»

    23/04/2026.
    Amelia Pérez, durante a rolda de prensa.

    Amelia Pérez, durante a rolda de prensa.

    A secretaria xeral do S. N. de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, e o secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros, presentaron esta mañá as mobilizacións e reivindicacións de ambos os dous sindicatos con motivo do Primeiro de Maio, Día Internacional do Traballo. Na súa intervención, Amelia Pérez advertiu a Xunta de que, unha vez que se configuren as distintas mesas do diálogo social, os sindicatos porán enriba da mesa todas as variables para abordar o mal chamado «absentismo». Avisou tamén de que «as présas non son boas conselleiras» e de que un traballo serio neste aspecto vai levar máis dos tres meses de prazo que citou o presidente galego, Alfonso Rueda.

    «Non se poden facer análises simplistas», aseverou Amelia Pérez, en relación coa campaña do Goberno galego e a patronal sobre un suposto exceso de baixas médicas. Nese senso, explicou que no diálogo social exporán cuestións diferenciais de Galicia, como o colapso do sistema sanitario, o avellentamento da poboación laboral ou a preponderancia de determinados sectores máis propensos a sufrir enfermidades de orixe laboral.

    A secretaria xeral de Comisións Obreiras puxo como exemplo a situación das traballadoras da dependencia, que sofren moitos problemas musculoesqueléticos debido ás duras condicións que soportan e á falta de medidas de prevención. Nese senso, Amelia Pérez criticou a patronal do sector, que recentemente saíu a celebrar a proposta da Xunta: «Algúns deberían ser máis prudentes, non son os mellores para dar exemplo».

    Na súa intervención, a dirixente sindical incidiu na aposta estratéxica de CCOO polo diálogo social —que non «concertación», aclarou— como ferramenta para mellorar as condicións da clase traballadora. Nese aspecto, subliñou que o sindicato participará en todas as mesas con independencia do partido que goberne a Xunta, igual ca cando se trata de negociar convenios está presente sen ter en conta quen é o interlocutor.

    As mobilizacións deste ano levan por lema «Dereitos, non trincheiras. Salarios, vivenda e democracia» e, precisamente, Amelia Pérez incidiu no problema da vivenda, con prezos disparados que minguan o poder adquisitivo das persoas traballadoras. De seguir a inflación na actual escalada, ademais, advertiu que lle pedirán ao Goberno unha nova actualización do salario mínimo interprofesional a metade de ano.

    No ámbito da vivenda, chamou a todas as Administracións a actuar con decisión para dar solucións efectivas, con valentía para regular o mercado e controlar os pisos turísticos e apostando polo alugueiro social. O programa da Xunta de construír 10 000 vivendas de aquí a 2030, comentou, parécelle máis «propaganda que realidade», visto que nos últimos anos o Goberno galego só foi quen de levantar menos de 600.

    A secretaria xeral de CCOO de Galicia amosou a súa preocupación polos discursos belicistas que dominan a escena mundial e criticou que a dereita española non aplique o cordón sanitario fronte aos ultras. «Dannos noxo os pactos PP-Vox de Aragón e Extremadura, son políticas racistas sen escrúpulos e que non respectan os dereitos fundamentais nin a Constitución. Non sei que pensa o PP galego sobre estes acordos», afirmou.

    Estas son as mobilizacións previstas para o Primeiro de Maio nas distintas cidades e vilas galegas:

     

    A CORUÑA

    09:00 h Ofrenda floral no cemiterio civil

    12:00 h Praza da Palloza ata praza Ourense

    14:00 h Xuntanza con paella e música

    CCOO-UGT / MANIFESTACIÓN CENTRAL DE GALICIA

    FERROL

    12:00 h Praza do Inferniño ata praza Armas

    CCOO-UGT

    SANTIAGO

    (O 27, asemblea convocada no CERSIA ás 10:30)

    12:00 h Alameda ata praza da Quintana

    CCOO-UGT

    VIVEIRO

    11:00 h Praza Maior (r/ 10 de Marzo) ata praza da Herba

    Só CCOO

    OURENSE

    12:00 h Diante Subdelegación Goberto ata praza de Damas

    CCOO-UGT

    VIGO

    12:00 h Rotonda do Barco en Coia ata parque de Castrelos

    Festa popular parque de Castrelos

    CCOO-UGT

    PONTEVEDRA

    11:00 h Praza da Ferreiría ata praza Pedreira

    Só CCOO

    AROUSA

    (O 27, asemblea no Auditorio de Vilagarcía)

    12:00 h Diante do Concello e volta a diante do Concello de Vilagarcía

    CCOO-UGT

    Documentación asociada
    Documentación asociada