Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Maio 2026.

Hoxe entregamos os premios primeiro de maio: ao compromiso social e á solidariedade.

    Estes premios teñen como finalidade recoñecer públicamente a traxectoria de persoas, colectivos e institucións que destacan pola súa defensa dos dereitos laborais.

    23/04/2026.
    1º de maio galardóns. U.C. CCOO VIGO

    1º de maio galardóns. U.C. CCOO VIGO

    Desde a Unión Comarcal de CCOO de Vigo, con motivo da conmemoración do Día Internacional das e dos Traballadores, convocamos anualmente os Premios Primeiro de Maio: Ao Compromiso Social e á Solidariedade, galardóns que xa superan as tres décadas de historia e que constitúen un dos actos sociais e sindicais máis relevantes da nosa cidade.

    Estes premios teñen como finalidade recoñecer públicamente a traxectoria de persoas, colectivos e institucións que destacan pola súa defensa dos dereitos laborais, o seu compromiso coa solidariedade e a súa contribución ao progreso social e ás liberdades democráticas en Galicia.

    Persoas e entidades homenaxeadas na XXXIX edición

    MIGUEL GIRÁLDEZ CARRERA:

    Vinculado ás CCOO desde os seus primeiros pasos na vida laboral, desenvolveu a súa actividade sindical na empresa Fomento de Construcción e Contratas (FCC), onde animou ás compañeiras e compañeiros a participar nas nosas candidaturas, a organizarse na empresa e a loitar por melloras laborais significativas.

    Foi o impulsor da sección sindical de FCC, da que foi responsable, e participou no Sindicato Comarcal de Actividades Diversas, hoxe integrado en CCOO de Hábitat.

    Xubilado por mor dun accidente laboral, mantén a súa vinculación coa empresa e co sindicato: visita ás compañeiras e compañeiros, participa nas asembleas, aporta a súa experiencia... E os mércores seguen reservados para acudir ás nosas instalacións.

    ATENEO ATLÁNTICO:

    Asociación fundada en Vigo en 2017 por iniciativa dun grupo de persoas procedentes dun amplo abano profesional, social, cultural e ideolóxico, co obxectivo de crear un espazo de promoción, impulso e divulgación de temas relacionados con todas as áreas do coñecemento a través da análise, o debate e a investigación, desde un punto de vista plural, independente e de proveito para as persoas comprometidas co desenvolvemento cultural.

    Entre as súas accións destacan o certame de relatos curtos Exeria; presentacións de libros e conversas con escritoras, escritores e poetas; videoforums sobre a memoria democrática, as vítimas do golpe de estado, o papel da investigación, o Vigo industrial, as artes escénicas, a arte urbana, a música, a sanidade, as mulleres na ciencia e na tecnoloxía, ou a defensa da lingua galega.