Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Maio 2026.

CCOO reclama a implantación dun plan de mobilidade sostible na Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao

    Aposta por ser ambiciosa e promover unha iniciativa para Grandes Centros de Traballo que beneficiaría a máis de mil persoas traballadoras

    24/04/2026.
    Vista do porto de Ferrol / Google Maps

    Vista do porto de Ferrol / Google Maps

    CCOO iniciou esta semana a solicitude para comenzar o procedemento e poder constituír a Mesa de Mobilidade e comprometerse coa Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e o resto de partes lexitimadas en avanzar no desenvolvemento e execución dun plan de mobilidade sostible. De entre as dúas opcións posibles, apostamos polo Plan para Grandes Centros de Actividade, xa que nas dúas dársenas da ría de Ferrol haberá moitas empresas que poderán sumarse e beneficiarse da implantación, así como as máis de mil persoas traballadoras.

    Propoñeríanse medidas como facilidades e bonificacións no transporte público, a inclusión dunha liña de bus ao porto exterior cando estean plenamente instaladas as últimas empresas en chegar, a coordinación con outros medios de transporte público como o tren, facilitar os puntos de recarga eléctrica para todo tipo de vehículos de empresa e particulares na contorna portuaria, formación e información a empresas e persoas traballadoras para reducir a pegada de carbono.

    Desde a nosa Sección Sindical e desde o Sector do Mar de Galicia de FSC-CCOO, cremos que podería ser un punto de partida para que as Autoridades Portuarias sexan o «faro» e exemplo doutros centros loxísticos onde se concentre masa crítica laboral e poder marcar a diferenza medioambiental.

    En CCOO apostamos polo cambio de modelo enerxético e de transporte vinculado ou dirixido aos centros de traballo. Podemos logralo coa colaboración de todas as entidades realmente comprometidas e co apoio das persoas traballadoras.