Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Maio 2026.

CCOO considera «inadmisibles» as 45 mortes por accidente laboral en 2025 en Galicia, mentres Xunta e patronal criminalizan a clase traballadora co suposto ‘absentismo’

    «Detrás de cada morte hai unha neglixencia ou unha falta de medios de prevención por parte das empresas», denuncia Armando Iglesias

    24/04/2026.
    Armando Iglesias, durante a rolda de prensa deste venres.

    Armando Iglesias, durante a rolda de prensa deste venres.

    O secretario de Saúde Laboral de CCOO de Galicia, Armando Iglesias, tachou esta mañá de «inadmisibles» as 45 mortes en accidentes de traballo ocorridas en 2025 na comunidade, ás que hai que sumarlle outras dez en sinistros in itinere. Uns datos que se producen no contexto dunha prolongada e «agresiva» campaña da patronal e da Xunta para criminalizar a clase traballadora a conta do mal chamado ‘absentismo’. «Detrás de cada morte hai unha neglixencia ou unha falta de medios de prevención por parte das empresas», resaltou.

    Durante a presentación do informe de sinistralidade laboral de 2025, Armando Iglesias incidiu en que as empresas deben poñer todos o recursos para evitar estes falecementos, que ano tras ano raian a cincuentena. Son cifras que sitúan a Galicia como quinta comunidade con máis accidentes laborais mortais e cuarta co índice máis elevado, con 4,23 sinistros mortais por cada cen mil persoas traballadoras, mentres que a media estatal é de 2,81.

    «Non é normal que nunha era en que a dixitalización está tan presente non haxa ferramentas que lles permitan ás empresas acabar con esta eiva», afirmou, e explicou que este paradoxo prodúcese porque os empresarios ven os investimentos en protección da saúde das persoas traballadoras como un custo que non están dispostos a asumir.

    O secretario de Saúde Laboral subliñou que os infartos e outras patoloxías non traumáticas causaron 21 das mortes, un 46,5 % do total. Detrás desta porcentaxe, expuxo, están as enfermidades mentais, «as grandes esquecidas no mundo laboral». Calcúlase que entre 35 000 e 40 000 persoas están en incapacidade temporal cada ano por doenzas como depresión ou ansiedade, comentou.

    En 2025 producíronse en Galicia un total de 30 749 accidentes de traballo con baixa, o que supón 407 máis (un 1,49 %) con respecto ao ano anterior. É un índice de incidencia de 2588,85 sinistros por cada cen mil persoas traballadoras. A construción é o sector cun índice máis elevado (5025,89), inda que a pesca é o que conta cun peor índice no caso de accidentes graves e mortais.

    Asemblea en Ourense

    Neste contexto, CCOO de Galicia celebrará o próximo martes, 28 de abril, coincidindo co Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, unha asemblea de persoas delegadas en Ourense para abordar a «persecución» que está a sufrir a clase traballadora polo suposto exceso de baixas laborais. Ao termo, haberá unha manifestación que rematará na sede da Confederación Empresarial de Ourense.

    Armando Iglesias censurou a patronal e a Xunta por «acusaren a parte máis feble no canto de poñer os medios» para mellorar a saúde laboral das persoas traballadoras. O responsable sindical incidiu nos factores que explican os datos de incapacidades temporais: falta de prevención, colapso sanitario, avellentamento da poboación laboral, sobrecarga e elevados ritmos de traballo, entre outros. «As persoas non queren enfermar, pola súa saúde e polo seu peto tamén. As solucións teñen que vir das empresas, da Xunta e da Inspección de Traballo», salientou.