Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Maio 2026.

CCOO di «basta» ao despotismo do Goberno de Lugo e leva os orzamentos aos tribunais

    A cidade merece un Concello que cumpra a lei e non salte a negociación colectiva

    27/04/2026.
    Casa consistorial de Lugo.

    Casa consistorial de Lugo.

    A Sección Sindical de CCOO no Concello de Lugo anuncia o inicio de accións xudiciais inmediatas contra os orzamentos municipais de 2026. Despois de intentar por todas as vías o diálogo e a negociación, o sindicato vese forzado a acudir á xustiza ante un Goberno municipal que confunde a maioría política coa impunidade legal.

    «Non nos deixan outra saída». CCOO presentou alegacións detalladas denunciando que as contas se fixeron «de costas ao persoal» e sen negociación sindical ningunha. A resposta do Goberno foi o desprezo. «Non sentan, non escoitan e non respectan os dereitos fundamentais das persoas traballadoras que manteñen viva esta cidade».

    «Ocultación e dedocracia»

    O sindicato denuncia que o Goberno municipal aprobou estas contas sen convocar a Mesa Xeral de Negociación nin facilitar a documentación necesaria. Esta falta de transparencia agocha a repartición opaca de partidas. «Os cartos de todos os lucenses non poden repartirse sen criterios claros nin control; a cidadanía merece saber como e por que se paga cada euro do capítulo de persoal».

    Seguindo os pasos de Ferrol

    CCOO advirte que o camiño que tomou Lugo é o mesmo que levou á anulación de orzamentos noutras cidades galegas, como Ferrol. A lei é clara: a negociación colectiva é un dereito fundamental e saltar ese paso invalida o procedemento. «Non podemos permitir que o noso Concello funcione como un couto privado onde a lei non existe e a transparencia brilla pola súa ausencia».