Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Maio 2026.

CCOO lanza unha campaña de recadación de fondos para axudar o pobo cubano

    As doazóns poden facerse na conta ES42 1550 0001 2400 2515 7926

    28/04/2026.
    Campaña de axuda a Cuba.

    Campaña de axuda a Cuba.

    Nun momento de especial dificultade para o pobo cubano, marcado polo impacto acumulado de décadas de bloqueo económico, CCOO lanza unha campaña de solidariedade internacional co fin de recadar fondos para contribuír a paliar as penalidades que está a sufrir a poboación. Para todas as persoas que queiran axudar, poñemos a disposición este número de conta: ES42 1550 0001 2400 2515 7926.

    A relación de CCOO con Cuba non é nova. É unha traxectoria de décadas construída sobre os piares do internacionalismo obreiro, a defensa dos dereitos humanos e o respecto mutuo entre os pobos. Apoiamos os seus logros sociais, a súa loita pola igualdade, o seu sistema sanitario universal e o seu exemplo de dignidade ante a adversidade.

    Estivemos presentes en tempos difíciles e en tempos de esperanza, porque para CCOO a solidariedade é un compromiso permanente coa xustiza social e cos pobos que defenden a súa soberanía.

    Hoxe, máis ca nunca, alzamos as nosas voces con forza e claridade: esiximos a fin inmediata do bloqueo económico, comercial e financeiro imposto contra Cuba. Este bloqueo, que xa dura máis de sesenta anos, non é simplemente unha cuestión de «política exterior». É un castigo colectivo que afoga a economía de todo un país, dificulta o acceso a medicamentos, tecnoloxías sanitarias e bens básicos, e xera sufrimento innecesario na vida cotiá de millóns de persoas.

    Por razóns puramente humanitarias, rexeitamos calquera medida que condene un pobo á escaseza, á deterioración do seu sistema sanitario e ao illamento. O bloqueo mata lentamente: impide a chegada de subministracións vitais, aumenta o custo da reconstrución despois de desastres naturais e limita o dereito fundamental á saúde.

    CCOO clama con énfase «xa abonda!», pola soberanía do pobo cubano. O pobo cubano ten o dereito inalienable de decidir o seu propio destino. Cuba ten pleno dereito a elixir o seu modelo social, económico e político sen control externo, presións nin interferencias imperialistas.

    A Fundación Sindical 1.º de Mayo é a titular da conta en que se recadan os fondos, e utilizarase para as diferentes campañas de solidariedade que se promovan no ámbito confederal.