Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Maio 2026.

As Federacións de Pensionistas de CCOO e de UGT mobilízanse ante a «crise da dependencia» causada pola falta de investimento e o modelo «privatizador» da Xunta

    Inician a campaña ‘A dependencia é un dereito’ cunha concentración o próximo 5 de maio ante a sede da Xunta e esixen unha reunión coa conselleira de Política Social

    29/04/2026.
    Valetín Tato e Ramiro Otero,na confencia de prensa.

    Valetín Tato e Ramiro Otero,na confencia de prensa.

    O secretario xeral da Unión de Xubilados e Pensionistas de UGT-Galicia, Valentín Tato Sánchez, e o secretario xeral da Federación de Pensionistas de CCOO de Galicia, Ramiro Otero Rodríguez, anunciaron esta mañá unha campaña de mobilizacións ante a «crise da dependencia», que atribúen ao escaso investimento da Xunta na materia —a máis baixa do Estado— e ao seu modelo «privatizador». Anunciaron que a primeira protesta será o próximo 5 de maio ás 11:00, ante a sede do Goberno galego, e aproveitaron para reclamar unha reunión coa conselleira de Política Social, Fabiola García, para abordar a situación e buscar solucións.

    Nunha conferencia de prensa, o representante de CCOO explicou que se trata dunha campaña conxunta de ambos os sindicatos de ámbito estatal, pero salientou que en Galicia, co 26,6 % de persoas maiores de 65 anos, o sistema de atención á dependencia é máis necesario ca noutros territorios. E, porén, a situación dos servizos é peor, con datos como as 3,43 camas por cada 100 maiores de 65, cando a ratio recomendada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) é de cinco camas. Neste senso, o seu homólogo de UGT cifrou en 11 000 prazas de residencia o déficit que sofre a comunidade.

    Ramiro Otero incidiu no descoñecemento que parte das persoas beneficiarias teñen do sistema de atención, mentres que para moitas das que si o coñecen ou non chega ou o fai tarde, xerando unha sobrecarga das familias. Sinalou que no ano 2025 morreron 88 persoas mentres agardaban por unha prestación e que a espera media para acceder ao seu dereito foi de 324 días.

    Neste aspecto, Valentín Tato agregou que os datos melloraron nos últimos anos, pero que o investimento segue a ser moi insuficiente, con Galicia á cola do Estado, con 1317 euros por dependente fronte aos 2779 de Extremadura ou os 2835 da comunidade que máis inviste, o País Vasco. «É unha diferenza enorme», aseverou o secretario xeral da Unión de Xubilados e Pensionistas de UGT-Galicia, que incidiu en que a calidade do servizo «é mala».

    O secretario xeral da Federación de Pensionistas de CCOO de Galicia criticou o plan da Xunta para simplificar o acceso á dependencia e a discapacidade, en vigor desde o ano pasado, por ser un «modelo burocrático de mero rexistro, que incrementa as demoras» e que, ademais, non ten en conta a participación das traballadoras e traballadores sociais.

    Ramiro Otero salientou que o groso das prestacións en Galicia acaban sendo de baixa intensidade, «de baixo custo» para a Administración, como teleasistencia (46 287), axuda no fogar (22 219) ou bonos para pagar residencias privadas (8371) ou coidados familiares (36 638). Porén, as prestacións de intensidade alta, como as residencias, son as que teñen un menor número de persoas beneficiarias, 7245. Neste senso, recalcou que as persoas teñen dereito a acceder á atención que desexen, pero que iso non se cumpre pola escaseza de prazas residenciais públicas. Non é posible, reprobou, porque a Xunta non constrúe ningún centro público desde 2009. E os que lle doou Amancio Ortega, completou Valentín Tato, foron cedidos para a xestión privada, incluso a entidades sen experiencia previa.

    Os Pensionistas de CCOO e de UGT reclamaron o apoio de toda a poboación á súa xeira de protestas e resumiron as súas reivindicacións en seis puntos:

    1.- Máis financiamento do Estado e da Xunta para a atención á dependencia.

    2.- Máis persoal en todo o proceso dende a tramitación ata a atención final.

    3.- Que a atención se faga con servizos profesionais.

    4.- Que se reduza o copagamento.

    5.- Que se creen máis prazas en residencias públicas.

    6.- A reversión do plan da Xunta de Galicia para simplificar o acceso á dependencia e discapacidade.