Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Maio 2026.

CCOO e UGT chaman á cidadanía galega a mobilizarse este Primeiro de Maio baixo o lema “Dereitos, non trincheiras. Salarios, vivenda e democracia”

    O acto central, no que estarán a secretaria xeral de CCOO de Galicia e o seu homólogo de UGT, será na Coruña

    30/04/2026.
    Listaxe de manifestacións.

    Listaxe de manifestacións.

    UGT-Galicia e o S.N. de CCOO de Galicia chaman á cidadanía a participar nos actos e mobilizacións convocados para este Primeiro de Maio en Galicia que nesta edición vanse desenvolver baixo o lema “Dereitos, non trincheiras. Salarios, vivenda e democracia”. O acto central, no que participarán a secretaria xeral do S.N. de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, e o secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros, será este ano na Coruña, a manifestación sairá da Praza da Palloza ás 12.00 horas.

    Ambos sindicatos chaman á participación nun momento decisivo no que están en xogo, non só as condicións de vida da clase traballadora, senón a propia calidade das democracias. Fronte a quen buscan o enfrontamento e levantar trincheiras, o movemento sindical responde con máis dereitos, máis cohesión social e máis democracia.

    Este Primeiro de Maio enmárcase nun contexto internacional marcado pola inestabilidade, a guerra e o cuestionamento do dereito internacional. Por iso, este Primeiro de Maio debe converterse nun berro polo fin das guerras e a protección da poboación civil. Nas rúas UGT e CCOO tamén van esixir unha Unión Europea valente e propositiva que se comprometa na defensa dos dereitos humanos.

    CCOO e UGT consideran que este tamén é un momento no que están en xogo as nosas sociedades tal e como as entendemos, as nosas propias democracias. Polo que é o momento de saír ás rúas para intentar frear o avance da ultradereita que non é unha opción política máis, trátase dun proxecto que cuestiona dereitos fundamentais, alimenta o odio e debilita a democracia. Fronte a quen promove o odio, o sindicalismo defende a igualdade, a convivencia e os dereitos humanos.

    Este Primeiro de Maio hai que saír ás rúas, por todo isto e por un pacto político e social e unha intervención pública decidida que garanta unha vivenda digna, porque sen vivenda non hai proxecto de vida; pola mellora da seguridade e saúde no traballo; pola reforma do despedimento, para gañar en seguridade; pola regulación do tempo parcial, para acabar coa precariedade; por salarios dignos, para vivir mellor; pola redución da xornada laboral, para gañar tempo de vida; pola negociación colectiva, para gañar dereitos; polos servizos públicos, para asegurar a igualdade; pola transición ecolóxica xusta, para construír futuro; pola igualdade e a diversidade, para defender a democracia; e polo sindicalismo, para fortalecer a democracia. UGT e CCOO lembran que os dereitos non se regalan, conquístanse.

     

    Estas son as mobilizacións previstas para o Primeiro de Maio nas distintas cidades e vilas galegas:

    A CORUÑA

    09:00 h Ofrenda floral no cemiterio civil

    12:00 h Praza da Palloza ata praza Ourense

    14:00 h Xuntanza con paella e música

    CCOO-UGT / MANIFESTACIÓN CENTRAL DE GALICIA

    FERROL

    12:00 h Praza do Inferniño ata praza Armas

    CCOO-UGT

    SANTIAGO

    (O 27, asemblea convocada no CERSIA ás 10:30)

    12:00 h Alameda ata praza da Quintana

    CCOO-UGT

    VIVEIRO

    11:00 h Praza Maior (r/ 10 de Marzo) ata praza da Herba

    Só CCOO

    OURENSE

    12:00 h Diante Subdelegación Goberto ata praza de Damas

    CCOO-UGT

    VIGO

    12:00 h Rotonda do Barco en Coia ata parque de Castrelos

    Festa popular parque de Castrelos

    CCOO-UGT

    PONTEVEDRA

    11:00 h Praza da Ferreiría ata praza Pedreira

    Só CCOO

    AROUSA

    (O 27, asemblea no Auditorio de Vilagarcía)

    12:00 h Diante do Concello e volta a diante do Concello de Vilagarcía

    CCOO-UGT