Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 16 Maio 2026.

CCOO convoca folga no metal de Pontevedra os días 7, 13 e 14 de maio ante o bloqueo patronal

    A representación empresarial mantén a súa postura de recortes no derradeiro intento de preacordo, abocando ao conflito as 3500 empresas do sector

    06/05/2026.
    Protesta do metal de Pontevedra, nun conflito anterior.

    Protesta do metal de Pontevedra, nun conflito anterior.

    A vía do diálogo esgotouse ante a intransixencia da patronal, que nos empurra á rúa. Logo dun último intento de negociación o luns, 4 de maio, a patronal do metal de Pontevedra decidiu manterse inamovible na súa posición de bloqueo, chantaxe e recortes. Ante a negativa a chegar a un acordo xusto, CCOO Industria chama á paralización total do sector os vindeiros días 7, 13 e 14 de maio.

    Na xuntanza celebrada o luns levouse a cabo o derradeiro intento para asinar un preacordo que evitase o conflito. Lamentablemente, a representación empresarial demostrou que non ten vontade ningunha de valorar o esforzo diario que realizamos nos centros de traballo. Pola contra, pretende que asinemos un preacordo sen garantir cuestións vitais e mesmo recortando dereitos históricos.

    Os motivos da nosa loita: os mínimos da asemblea

    Non imos á folga por capricho. A mobilización é a única resposta posible ante unha patronal que se nega a asumir os mínimos irrenunciables que toda a nosa representación sindical aprobou en asemblea:

    Dignidade salarial: esiximos unha suba do 16 % repartida nos catro anos de vixencia do convenio. Cos nosos salarios non se xoga.

    Saúde e conciliación: é innegociable a implantación da xornada continua de verán, cunha duración mínima de dous meses, para facer fronte ao estrés térmico.

    Xustiza na clasificación profesional: reclamamos a inclusión da oficialía de 1.ª no grupo 4, establecendo unha diferenza salarial de, polo menos, 50 euros respecto á oficialía de 2.ª.

    Recoñecemento do naval: ESIXIMOS o recoñecemento e o pagamento dos dous supostos de toxicidade e penosidade para o persoal da construción naval.

    Á folga as 3500 empresas do sector

    Chegou o momento de demostrar a forza da clase obreira. Desde CCOO facemos un chamamento a todas as traballadoras e traballadores das máis de 3500 empresas do sector do metal da provincia de Pontevedra para secundar masivamente os paros.

    O calendario de folga é o seguinte: xoves, 7 de maio (primeiro día de folga); mércores, 13 de maio; xoves, 14 de maio.

    Temos que paralizar os talleres, as fábricas e os estaleiros. Só parando a produción conseguirán entender que sen nós as súas empresas non funcionan. É o momento da unidade de acción, de saír á rúa e de facernos respectar.

    Organízate coas túas compañeiras e compañeiros, participa nos piquetes informativos e acude ás mobilizacións, porque o noso futuro e o das nosas familias está en xogo.

    A dignidade non se mendiga, conquístase! Todos e todas á folga! Nin un paso atrás!