Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Xuño 2026.

O Infantil 0-3 sae á rúa para esixir condicións dignas, recoñecemento e solucións

    A xornada de hoxe non é un punto final, senón un novo paso nun proceso de mobilización sostido

    07/05/2026.
    Concentración este xoves en San Caetano.

    Concentración este xoves en San Caetano.

    As traballadoras do primeiro ciclo de Educación Infantil mobilizáronse hoxe, 7 de maio, para facer visible o malestar dun sector que leva demasiado tempo sostendo unha etapa educativa esencial en condicións laborais claramente insuficientes.

    A primeira concentración celebrouse en Santiago, ante a Consellería de Política Social, no marco da folga estatal convocada no conxunto do sector 0-3, tanto nos centros públicos como privados, e serviu para lanzar unha mensaxe clara: non pode haber calidade educativa se a etapa continúa construída sobre a precariedade das súas profesionais.

    Desde CCOO consideramos que o 0-3 debe deixar de ser tratado como un servizo asistencial ou unha simple ferramenta de conciliación. Falamos dunha etapa educativa fundamental para o desenvolvemento da infancia, que debe contar con financiamento estable, ampliación da rede pública, ratios axeitadas, apoios suficientes e condicións laborais dignas para quen a fai posible cada día.

    A mobilización tamén puxo o foco na contradición das Administracións, que cualifican esta etapa como esencial para impoñer servizos mínimos abusivos, pero non a recoñecen cos recursos, salarios, ratios e dereitos que corresponderían a unha etapa educativa plenamente integrada no sistema.

    CCOO seguirá defendendo unha folla de ruta clara: dignificación salarial, homologación progresiva das condicións laborais, recoñecemento profesional das traballadoras, redución da atención directa, recoñecemento da atención indirecta como tempo de traballo efectivo e formación en horario laboral.

    A xornada de hoxe non é un punto final, senón un novo paso nun proceso de mobilización sostido. CCOO continuará ao lado das traballadoras e traballadores do 0-3 para organizar a protesta, reforzar a negociación e conquistar as melloras que o sector necesita e merece.

    Pola dignidade da Educación Infantil 0-3. Por unha etapa educativa con dereitos, recursos e recoñecemento.

    Ligazóns relacionadas
    Ligazóns relacionadas