Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Xuño 2026.

17 de Maio do 2026—Declaración do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia polo Días das Letras Galegas

    Non abonda cunha celebración ritual e discursos baleiros, cómpre que a sociedade toda, coa Administración autonómica á cabeza, reaccione para deter o alarmante devalo da nosa lingua.

    16/05/2026.
    17-05-2026, Días das Letras Galegas

    17-05-2026, Días das Letras Galegas

    Este 17 de maio de 2026, Días das Letras Galegas, ten que ser unha data para a reivindicación dun futuro vivo para o galego, idioma oficial do Sindicato Nacional das Comisións Obreiras de Galicia desde o seu congreso fundacional en 1978. Non abonda cunha celebración ritual e discursos baleiros, cómpre que a sociedade toda, coa Administración autonómica á cabeza, reaccione para deter o alarmante devalo da nosa lingua.

    Por iso, as CCOO de Galicia sumámonos á manifestación convocada por Queremos Galego este domingo en Santiago de Compostela e tamén participamos no proceso de elaboración do protocolo Lingua Vital. Este é un documento estratéxico que debe aplicarse decontado, comezando pola redacción dun novo decreto que asegure os máximos niveis de docencia en galego en todas as etapas educativas. Porque non podemos aceptar que a rapazada saia da escola sen poder comunicarse de maneira fluída e eficaz no noso idioma.

    Outra das medidas que recolle o protocolo é recuperar o perdido papel normalizador que no seu día tiveron os medios públicos do país. Precisamente, este ano, a Real Academia Galega escolleu a xornalista e escritora Begoña Caamaño como homenaxeada. Cunha longa traxectoria na Radio Galega, Caamaño defendeu sempre o papel da radio e da televisión públicas como puntas de lanza da normalización lingüística.

    A figura de Begoña Caamaño, ademais, encarna algúns dos valores que inspiran a CCOO de Galicia. Por exemplo, o seu feminismo. «Os homes seguen sendo os depositarios da profesionalidade e da intelixencia, para eles é o recoñecemento da valía e da súa capacidade, pola contra as mulleres seguen a ser bonecas, calquera parte da súa anatomía é máis digna de louvanzas que o seu cerebro», escribiu en 1990. Inda que se avanzou desde aquela, o contido da reflexión segue, lamentablemente, vixente. Aí están os datos que demostran que as profesións feminizadas adoitan ser as máis precarias.

    Caamaño, que comezou a súa carreira informando sobre os conflitos obreiros de finais dos 80 en Vigo, demostrou o seu compromiso sindical e foi presidenta do comité interempresas da CRTVG. Nese rol, deu a cara nas protestas contra a manipulación informativa desatada nos medios públicos galegos durante a crise do petroleiro Prestige. Ende mal, a historia repítese e segue a ser necesario alzar a voz para esixir unha radio e unha televisión públicas de calidade, que non sexan meras transmisoras de intereses partidistas e patronais.

    CCOO de Galicia considera que a vitalidade do galego constrúese decotío entre toda a sociedade, pero iso non pode diluír a responsabilidade das Administracións na súa protección. Por iso, esiximos un cambio de rumbo inmediato na política lingüística da Xunta e chamamos á mobilización este 17 de maio para deixarmos claro que non imos permitir a morte lenta do noso idioma. Queremos unha Galicia en galego hoxe, mañá e sempre.