Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Xuño 2026.

O comité de PreZero Xardíns Santiago avisa de mobilizacións se a empresa mantén o bloqueo do convenio

    Acusa a dirección de mala fe por negarse a asinar un acordo que xa fora ratificado polo persoal

    20/05/2026.
    O comité de PreZero, co representante de CCOO José Fernández Bardanca (segundo pola esquerda).

    O comité de PreZero, co representante de CCOO José Fernández Bardanca (segundo pola esquerda).

    O comité de empresa de PreZero Xardíns Santiago (CCOO, CIG e STL) acusou este mércores a dirección da concesionaria do servizo de xardinaría da capital galega de mala fe, despois de pretender cambiar, no último intre, un acordo para aprobación dun novo convenio colectivo acadado coa representación sindical e que xa fora ratificado en asemblea polas persoas traballadoras. Se non muda de actitude de inmediato, as tres centrais sindicais iniciarán mobilizacións.

    Nunha conferencia de prensa esta mañá en Santiago, o comité denunciou a actitude da empresa, que se negou a asinar o pacto ao que chegara e pretendía poñer enriba da mesa un novo convenio rebaixado. Despois de moitos meses de bloqueo patronal, a representación das persoas traballadoras pactara en abril coa dirección dúas opcións de convenio para someter á votación; a asemblea decantouse por unha delas pero a empresa, no último momento e cando xa estaba fixada a data da reunión para o asinamento, botouse atrás co único argumento de que mudou de opinión. O sindicatos consideran esa actitude un caso de mala fe que pode ser obxecto de sanción.

    Ante a desconfianza coa boa vontade negociadora da empresa, o comité solicitou a semana pasada a intervención do Acordo Interprofesional Galego (AGA). Se neste órgano de arbitraxe —que aínda non convocou a primeira reunión— non se chega a un acordo, as tres centrais sindicais iniciarán mobilizacións, comezando por concentracións e paros parciais, sen descartaren a convocatoria dunha folga. O Concello de Santiago xa está informado da situación; porén, a día de hoxe non deu audiencia ao comité, polo que este decidiu solicitar unha xuntanza co resto dos partidos políticos da corporación municipal.

    CCOO do Hábitat Galicia xa denunciara o pasado mes de febreiro a actitude obstrucionista da empresa na negociación do convenio. Nese senso, o escenario segue a resultar especialmente preocupante tendo en conta que o Concello de Santiago está a elaborar os novos pregos do servizo. O bloqueo na negociación pode condenar o persoal a unha situación de estancamento a medio e longo prazo. De non se asinar un convenio actualizado antes da redacción dos pregos, existe o risco de que o Concello realice un estudo económico irreal sobre os futuros incrementos salariais, o que podería hipotecar as condicións laborais do persoal durante a vixencia da nova contrata.

    Desde Comisións Obreiras consideramos imprescindible que a empresa retome a negociación con vontade real de acordo e que se garantan incrementos salariais acordes ao marco estatal do sector e á realidade económica actual. Así mesmo, instamos o Concello de Santiago a ter en conta a situación real do persoal e a necesidade de garantir condicións laborais dignas na elaboración dos novos pregos do servizo.