Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Xuño 2026.

CCOO de Galicia anuncia a suspensión da súa participación na Mesa de Diálogo Social ante o baleirado do proceso e a campaña de estigmatización das persoas traballadoras

    O sindicato reafirma o seu compromiso cun diálogo social de boa fe, con respecto institucional e sen decisións unilaterais previas

    21/05/2026.
    Concentración en Vigo, o pasado 12 de maio.

    Concentración en Vigo, o pasado 12 de maio.

    O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia comunica a súa decisión de adiar a participación activa nos grupos de traballo da recentemente constituída Mesa de Diálogo Social. Esta medida responde á constatación de que a Xunta de Galicia está a baleirar de contido real o proceso de concertación, anunciando e impulsando medidas executivas de forma paralela á mesa, e convertendo o diálogo nun mero escaparate mediático que non responde aos principios de negociación colectiva, boa fe e respecto á representación sindical.

    CCOO rexeita frontalmente a narrativa que reduce o incremento das baixas por enfermidade a unha cuestión de “fraude” ou “absentismo”. Detrás destes indicadores hai factores estruturais amplamente documentados: a deterioración das condicións laborais, o aumento da sinistralidade e os riscos psicosociais, o envellecemento dos cadros de persoal, as precarización das condicións laborais e as dificultades do sistema sanitario público para garantir diagnósticos e tratamentos en prazos axeitados. Estigmatizar as persoas traballadoras non só é inxusto, senón que desvía a atención das verdadeiras solucións, que pasan por investir en prevención primaria, benestar laboral e fortalecemento da atención sanitaria.

    O Diálogo Social é un instrumento fundamental para a gobernanza democrática e a xustiza social, pero só cumpre a súa función cando se desenvolve con respecto ás organizacións representativas, sen anuncios previos que condicionen o resultado, e cando as partes poden negociar con liberdade e igualdade. A Xunta de Galicia vén mostrando nos últimos meses unha dualidade inadmisible: por un lado, eloxia publicamente a participación sindical e institucionaliza a Mesa mediante decreto; por outro, impulsa campañas e plans de comunicación e medidas unilaterais que prexulgan o debate, limitan a capacidade real de acordo das organizacións e deixan sen percorrido o propio foro creado para este fin.

    CCOO de Galicia mantén intacta a súa disposición para regresar ao proceso no momento en que se dean as condicións mínimas de boa fe: cesamento da presión contra as persoas que exercen o seu dereito á saúde; paralización de anuncios ou aplicación de medidas que baleiren a negociación; e compromiso expreso de que o foro do Diálogo Social sexa o espazo único e prioritario para a definición das políticas sobre benestar laboral e xestión da incapacidade temporal.

    «Non renunciamos ao diálogo, renunciamos a un simulacro. CCOO seguirá defendendo a saúde das persoas traballadoras e a negociación colectiva como vía para avanzar. Cando a Xunta demostre que está disposta a negociar de verdade, sen presións nin medidas tomadas con anterioridade, estaremos alí. Ata entón, non contribuiremos a lexitimar un proceso distorcido», declara Amelia Pérez Álvarez, secretaria xeral de CCOO de Galicia.

    O sindicato presentará proximamente unha análise detallada do estudo elaborado polas Universidades de Vigo e Santiago, titulado «O absentismo laboral en Galicia». Tras unha primeira valoración, CCOO considera que o informe, baixo unha aparencia de neutralidade técnica, peca dun marcado nesgo ideolóxico. O documento tende a individualizar a responsabilidade das ausencias laborais nos cadros de persoal, omitindo o impacto dos factores estruturais nas condicións de xestión empresarial e do propio sistema sanitario.

    Desde a perspectiva de CCOO:

    —Rexeitamos calquera medida que restrinxa o acceso ás it ou que poña en dúbida o criterio médico dos profesionais do Sergas.

    —Demandamos máis investimento no Sergas para reducir listas de espera e mellorar a atención, o que reduciría de feito a duración das baixas.

    —Esiximos control e sanción ás empresas que incumpren a normativa de prevención de riscos laborais.

    —Defendemos que o concepto de absentismo que aborda o estudo é, na súa maioría, un síntoma de enfermidade laboral, non dun «problema de actitude» das persoas traballadoras.

    —Opómonos a calquera reforma que reduza a protección das prestacións ou que introduza mecanismos de control excesivo sobre os traballadores e traballadoras en situación de it.

    —A mellor política contra o absentismo non é o control e a sanción, senón traballo digno, condicións laborais xustas, saúde laboral e sistema público de saúde forte.

    CCOO manterá abertas canles de coordinación con axentes sociais e grupos parlamentarios, colectivos sanitarios e institucións para garantir que as políticas públicas se constrúan desde a evidencia, o respecto aos dereitos e a realidade dos centros de traballo galegos.