Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Xuño 2026.

As CCOO do Noroeste unen forzas na Coruña: o sindicalismo que non se rende

    Porque os problemas das traballadoras e dos traballadores non entenden de límites territoriais, e as solucións tampouco.

    26/05/2026.
    Encontro do Noroeste 2026.

    Encontro do Noroeste 2026.

    Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León volven cruzar os seus camiños. As organizacións sindicais de CCOO nestes catro territorios consolidan un espazo de colaboración para afrontar, conxuntamente, os grandes desafíos estruturais do Noroeste e deseñar solucións que non entendan de fronteiras administrativas.

    Tras a exitosa xornada do ano pasado en Castela e León, o encontro trasládase este ano á Coruña. Os vindeiros 28 e 29 de maio, a cidade herculina acollerá unha cita clave para o sindicalismo do Noroeste, onde a escoita, o debate e a alianza entre territorios serán as protagonistas.

    Un programa pensando na xente

    A xornada do día 28 arrincará coa apertura oficial do Encontro e dará paso á Mesa 1: «Enerxía propia: soberanía e sostibilidade a través do vento», un espazo para falar do potencial enerxético da nosa terra e de como aproveitalo sen renunciar ao control público e á xustiza social. Seguirá a Mesa 2: «Conectando o Noroeste: infraestruturas para unha alianza estratéxica», porque sabemos que un territorio unido precisa tamén de vínculos materiais que faciliten o intercambio, a mobilidade e o desenvolvemento compartido. Xa pola tarde, a Mesa 3: «Vivenda: o eixe da vida» poñerá sobre a mesa un dos problemas máis urxentes para as familias da nosa rexión: o dereito a un fogar digno e accesible.

    O día 29 abrirá coa Mesa 4: «Poder, guerra e clase: o papel do sindicalismo nun mundo en crise», unha reflexión necesaria sobre o lugar do sindicalismo nun contexto global incerto, onde defender os dereitos da clase traballadora é máis urxente que nunca.

    A clausura correrá a cargo das secretarias xerais das catro organizacións participantes: José Manuel Zapico García (Asturias), Rosa María Mantecón Agudo (Cantabria), Ana Fernández de los Muros (Castela e León) e Amelia Pérez Álvarez (Galicia).

    Máis que unha xornada, unha aposta de futuro

    Este encontro non é só un intercambio de opinións. É unha declaración de intencións: CCOO do Noroeste cre na forza da coordinación, na intelixencia colectiva e na capacidade de incidir xuntas nas decisións que marcan o noso día a día. Porque os problemas non se resolvem illados, e as solucións constrúense cando se mira máis aló do propio horizonte.

    Agardamos aos compañeiros e compañeiras na Coruña os días 28 e 29 de maio. Porque o futuro do Noroeste escríbese entre todas.