Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Xuño 2026.

Éxito rotundo nas tres xornadas de folga do metal da Coruña: fábricas pechadas, rúas cheas

    O sector manda un aviso claro á patronal: ou volve á mesa con vontade de negociar ou o conflito irá a máis

    27/05/2026.
    Cabeceira da manifestación, este mércores na Coruña.

    Cabeceira da manifestación, este mércores na Coruña.

    Éxito rotundo das persoas traballadoras do metal da Coruña nos tres días de folga ao que estaban convocadas. Tanto o 19 coma o 26 e este 27 de maio, as rúas e os polígonos de Ferrol, Santiago e A Coruña falaron alto e claro. O seguimento foi masivo os tres días.

    Desde CCOO Industria queremos darvos as grazas a todas as compañeiras e compañeiros. Nos piquetes desde a madrugada e nas multitudinarias manifestacións do mediodía, demostrastes que a dignidade da clase traballadora non se pisotea.

    A patronal pensaba que iamos calar ante o secuestro do noso convenio, pero hoxe deixamos claro que sen nós, non se move nin un só parafuso. ​Que lle quede claro ao empresariado: queremos unha negociación real xa: salarios xustos, fin da precariedade, fin das ETT e e redución de xornada. En definitiva, unhas condicións que nos permitan vivir, non só sobrevivir.

    Para mañá xoves, día 28 está convocada a mensa negociadora. Agardemos que a patronal escoitase o ruído das rúas e o silencio das fábricas.