Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Xuño 2026.

CCOO destaca o carácter histórico do novo convenio estatal do comercio téxtil e desmonta as campañas de desinformación

    Supón avances reais e tanxibles para milleiros de persoas traballadoras do sector en Galicia

    28/05/2026.
    Acordo histórico coa patronal ARTE.

    Acordo histórico coa patronal ARTE.

    CCOO destaca o carácter histórico do novo convenio estatal do comercio téxtil e desmonta as campañas de desinformación

    Trátase dun acordo histórico que supón avances reais e tanxibles para milleiros de persoas traballadoras do sector en Galicia

    28-5-202.- CCOO considera moi positivo o acordo acadado no Convenio Estatal de grandes marcas do comercio téxtil e calzado, un acordo histórico que supón avances reais e tanxibles para milleiros de persoas traballadoras do sector en Galicia e no conxunto do Estado.

    Fronte ás desinformacións e mensaxes alarmistas difundidas nos últimos meses, o texto acordado confirma o que CCOO veu defendendo desde o inicio da negociación: ningunha persoa traballadora sufrirá perdas salariais e respectaranse integramente aquelas condicións máis beneficiosas xa existentes nos convenios provinciais ou acordos de empresa.

    O novo convenio consegue ademais un fito histórico en materia de tempo de traballo, cunha redución progresiva da xornada laboral anual que permitirá mellorar a conciliación e a calidade de vida dos cadros de persoal. No caso da provincia da Coruña, tendo en conta ademais que o descanso do bocadillo continúa computando como tempo efectivo de traballo, a xornada anual pasará a situarse en 1690 horas reais de traballo efectivo.

    Esta redución da xornada supón tamén unha mellora económica directa para milleiros de persoas traballadoras, especialmente para quen ten contratos a tempo parcial, xa que ao manterse os salarios e reducirse o número de horas anuais increméntase o prezo/hora e, polo tanto, mellora a retribución efectiva.

    O acordo acadado incorpora melloras laborais e sociais relevantes en múltiples ámbitos: redución de xornada, máis fins de semana de calidade, ampliación de permisos retribuídos, límites á precariedade na contratación, melloras salariais e avances en conciliación e previsibilidade horaria.

    Así mesmo, confírmase o mantemento de dereitos que algunhas organizacións e determinados sectores afirmaran erroneamente que desaparecerían. O convenio garante expresamente o respecto das condicións salariais superiores existentes nos convenios provinciais e acordos empresariais, así como o mantemento do complemento de incapacidade temporal alí onde estivese recoñecido.

    En Galicia, e particularmente na provincia da Coruña, isto supón que continuará aplicándose o complemento de incapacidade temporal recollido no convenio provincial, tanto para os actuais cadros de persoal como para as futuras incorporacións.

    CCOO considera que este acordo supón un avance estratéxico para dignificar o sector do comercio téxtil, homoxeneizando dereitos á alza e blindando as mellores condicións existentes nos distintos territorios.

    O sindicato continuará trasladando información rigorosa e transparente ás persoas traballadoras fronte a quen optou durante meses por xerar incerteza e confusión arredor da negociación.