Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Xuño 2026.

CCOO chama á unidade sindical para desbloquear a negociación do convenio de alimentación de Lugo

    Na Coruña, está convocada unha folga unitaria para este venres, 29 de maio

    28/05/2026.
    Manifestación do sector da alimentación en Lugo, en 2023.

    Manifestación do sector da alimentación en Lugo, en 2023.

    A Federación de Servizos de CCOO Galicia fixo un chamamento ao resto de organizacións sindicais con representación no sector do comercio de alimentación da provincia de Lugo para impulsar, de maneira conxunta, a apertura da mesa negociadora do convenio colectivo, que está vencido desde o pasado mes de xaneiro de 2026.

    CCOO considera urxente iniciar canto antes este proceso para actualizar as condicións laborais e salariais das persoas traballadoras do sector. Nun contexto marcado polo incremento do custo da vida, a organización sinala a necesidade imperiosa de reforzar os dereitos laborais nun ámbito que resulta esencial para a economía e o consumo de toda a provincia.

    Mentres na provincia lucense dáse esta situación, na da Coruña hai convocada para mañá unha folga, ante bloqueo que a patronal está levando a cabo nas negociacións. A convocatoria parte dos catro sindicatos representados alí: CCOO, CIG, UGT e USO.

    No caso de Lugo, organización sindical xa lles transmitiu formalmente á UGT e á CIG —sindicatos coa maior representatividade no sector— a súa total disposición a traballar desde a unidade sindical. O obxectivo é promover unha negociación útil, seria e plenamente centrada nas necesidades reais dos cadros de persoal.

    «O diálogo e a coordinación entre as distintas organizacións sindicais son fundamentais para fortalecer a capacidade de negociación fronte á patronal e favorecer avances efectivos», lembran desde CCOO.

    As prioridades para este novo marco regulador céntranse en materias clave como:

    —A mellora dos salarios ante a perda de poder adquisitivo.

    —Medidas efectivas de conciliación da vida laboral e familiar.

    —A estabilidade no emprego e unha mellor organización do tempo de traballo.

    Ao tempo, o sindicato considera estratéxico que a patronal amose tamén vontade negociadora e un compromiso real co sector. Desde CCOO ínstase as empresas a evitaren demoras innecesarias na negociación dun convenio que afecta directamente a centos de persoas traballadoras na provincia de Lugo.