Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Xuño 2026.

O éxito das folgas no metal da Coruña dobrega a patronal: por fin senta a negociar

    A presión e a forza demostrada polas persoas traballadoras nas tres xornadas de folga conseguen rachar o bloqueo

    01/06/2026.
    Manifestación na Coruña o pasado mércores.

    Manifestación na Coruña o pasado mércores.

    A mobilización masiva da clase traballadora sempre dá os seus froitos. O pasado xoves, 28 de maio, puidemos constatar un cambio de actitude evidente por parte da patronal na mesa do convenio colectivo provincial do metal da Coruña. Tras semanas de tácticas dilatorias e inmobilismo, o éxito indiscutible das tres xornadas de folga convocadas por CCOO, xunta a UGT e a CIG, obrigou a representación empresarial a cambiar o paso e sentar, por fin, a falar de cuestións concretas que afectan ás case 18 000 persoas que traballan no sector na provincia.

    Despois de varias horas de xuntanza, o empresariado trasladou unha serie de formulacións que, aínda que representan un xiro de 180 graos respecto á súa actitude de bloqueo, desde a representación sindical cualificamos como claramente insuficientes. A patronal segue ancorada en posturas que se afastan das nosas reivindicacións fundamentais, xa que pretende impoñer unha vixencia do convenio a cinco anos —un período excesivo no contexto actual— e ofrece incrementos salariais que non dan resposta á perda de poder adquisitivo dos nosos cadros de persoal.

    Con todo, grazas á presión da folga nas rúas e nos polígonos, a patronal abriuse a negociar materias vitais para a nosa calidade de vida e condicións laborais. Entre estas cuestións atópanse a redución da xornada laboral, o aumento dun día de vacacións, unha regulación estrita dos contratos fixos-descontinuos e a ampliación da subrogación a novos sectores. Tamén arrincamos o compromiso para estudar medidas eficaces que poñan freo aos abusos por parte das empresas de traballo temporal.

    Outro sinal inequívoco de que a nosa forza lles fixo reaccionar é que, por primeira vez, a patronal aceptou a nosa esixencia de manter dúas reunións semanais para axilizar a negociación; unha demanda á que ata o de agora opoñían unha resistencia total. As vindeiras sesións da mesa negociadora celebraranse os días 2 e 4 de xuño. Na xuntanza do día 2, a representación social trasladaremos a nosa valoración formal e esixiremos achegar posturas nas materias en que aínda estamos moi afastados.

    Que ninguén se engane: a patronal non veu á mesa por xenerosidade. A mobilización masiva foi a que a trouxo. Desde CCOO Industria facemos un chamamento a toda a afiliación e ao conxunto das traballadoras e traballadores do sector a manteren a tensión e a garda alta. Se nas xuntanzas da vindeira semana non se producen os avances significativos necesarios para asinar un acordo xusto e digno, as xornadas de folga convocadas para os días 9, 10 e 11 de xuño teñen que ser un novo éxito histórico de seguimento.

    Só desde a forza colectiva, a unidade de acción e a determinación na loita sindical imos conquistar un convenio con avances reais. O noso dereito a unhas condicións laborais, salariais e sociais dignas non se negocia con migallas.

    Unidade para vencer!