Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Xuño 2026.

Gañou a dignidade en Scania: acordo para catro anos tras un mes de folga

    Garántese o mantemento do emprego e soluciónase unha parte importante da problemática coa dirección

    01/06/2026.
    Manifestación de Scania en Ponteareas.

    Manifestación de Scania en Ponteareas.

    A loita obreira paga a pena. Os traballadores e traballadoras do taller de Scania en Ponteareas acaban de darnos a todas e todos unha lección maxistral de loita, dignidade e compromiso obreiro. Tras máis dun mes sostendo un pulso na rúa con xornadas de folga, o cadro de persoal logra un acordo coa empresa. Este acordo garante o mantemento e a estabilidade do emprego, co que se soluciona unha parte importante da problemática coa dirección do centro de traballo.

    O conflito, que estoupou logo da aplicación de sancións e despedimentos por parte da dirección da compañía, péchase agora cunha vitoria incontestable. O conxunto de persoas traballadoras do taller acordou en asemblea, cunha amplísima maioría, aceptar o preacordo acadado na mesa negociadora.

    Que logramos con este acordo?

    O texto asinado terá unha vixencia de catro anos. Con el, ponse couto aos despedimentos, asegurando a estabilidade do cadro de persoal. Ademais, conquístanse melloras e garantías laborais e económicas para as persoas traballadoras.

    No acordo engadiuse tamén o pagamento dun bono-incentivo pola volta ao traballo. Este bono representa máis da metade do diñeiro deixado de percibir polas traballadoras e traballadores neste conflito. Foi unha conquista rabuñada tras unha dura negociación e grazas á forza e o empurre de todo o persoal.

    O cadro de persoal de Scania demostra que con persoas traballadoras unidas, organizadas e determinadas para conquistar dereitos e defender os seus postos de traballo, todo é posible, mesmo dobrarlle o brazo a unha multinacional.

    Viva a loita da clase obreira!