Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 17 Xuño 2026.

CCOO observa «pés de barro» nos valores históricos en desemprego e afiliación que rexistrou Galicia en maio

    A Xunta debe actuar para mudar o actual modelo produtivo precario e obsoleto

    02/06/2026.
    Unha oficina de emprego, en Santiago // Google Maps

    Unha oficina de emprego, en Santiago // Google Maps

    Os datos coñecidos hoxe indican que, en maio, o paro rexistrado reduciuse en Galicia en 2938 persoas, un 2,62 %, e a afiliación á Seguridade Social, tomando o dato do último día do mes, rexistra unha suba de 14 977 afiliados e afiliadas (un 1,36 %). Se consideramos os datos da afiliación media mensual, esta sobe en 8048 persoas respecto ao mesmo período do mes anterior (un 0,73 %).

    A baixada rexistrada no desemprego e o incremento da afiliación sitúan ambos os indicadores en valores históricos en Galicia, pero temos luces e sombras. No lado positivo, cómpre destacar que o desemprego cae máis que no conxunto do Estado e que neste mes non se crea emprego só nas actividades de baixo valor engadido senón noutras que parecen avanzar timidamente cara ao cambio de modelo produtivo.

    No lado negativo, destaca que a afiliación segue medrando por debaixo da media estatal, o que evidencia as eivas do noso tecido produtivo e sobre a base dun emprego precario e de baixa calidade, ao tempo que se mantén a desigual situación das mulleres no mercado laboral.

    Desde CCOO demandámoslle á Xunta de Galicia que actúe para mudar o modelo actual cara a outro que mellore as condicións de vida e traballo dos galegos e as galegas. Galicia necesita industria e necesita un sector servizos de alto valor engadido que xeren empregos de calidade e actividade estable para todo o ano e para o conxunto do territorio.

    Análise por sexos e sectores

    En Galicia están no desemprego 45 325 homes (1414 menos que en marzo) e 64 030 mulleres (1524 menos que no mes anterior). Seis de cada dez persoas paradas seguen sendo mulleres a pesar da boa evolución do mercado laboral no último mes.

    O desemprego cae en 178 mozos e mozas menores de 25 anos, mentres que entre as persoas maiores desa idade redúcese en 2760 desempregadas. O paro segue en mínimos históricos: 109 355 persoas desempregadas en Galicia ao finalizar o mes de maio.

    O paro diminúe en todos os sectores de actividade: no primario hai 88 persoas desempregadas menos, na industria 201, na construción 167 e 2714 nos servizos. O colectivo sen emprego anterior sobe en 232 persoas.

    Análise da contratación

    No mes de maio fixéronse 58 815 contratos en Galicia (un 5,20 % máis que en marzo). A contratación temporal supera a indefinida: 40 803 contratos temporais por 18 012 indefinidos que é o resultado dunha redución dos contratos indefinidos dun 5,36 % e dun incremento da contratación temporal dun 5,10 %.

    Un mes máis, temos que destacar o menor compromiso do sector empresarial galego co emprego de calidade pois se en Galicia 31 de cada 100 contratos rexistrados son indefinidos, no Estado esta porcentaxe elévase a 43 de cada 100.

    Canto á Seguridade Social, cos datos do último día de mes, a afiliación sobe en 14 977 persoas, ata situarse en 1 114 503 afiliados e afiliadas, rexistrando un incremento do 1,36 % respecto do mes anterior (do 1,54 % no Estado).

    A afiliación media mensual aumenta en 8048 persoas, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1 111 867. Deste total, 889 911 corresponden ao réxime xeral, 204 614 ao de autónomos e 17 342 ao réxime especial do mar. A afiliación media en Galicia increméntase nun 0,73 % por un 1,05 % no Estado.

    Os réximes xeral e agrario absorben o groso do incremento da afiliación media: 8001 afiliados e afiliadas máis no último mes, dos que un 1835 corresponden á hostalería; 1191 a actividades administrativas; 848 a Administracións públicas; 628 a educación; 569 a sanidade; 547 a comercio e 523 a construción, o que corrobora a evolución sectorial e por sexos do desemprego.

    En maio cobraron algún tipo de prestación por desemprego 83 070 persoas: 40 792 prestacións contributivas e 42 278 subsidios.

    En relación cos erte do mes de maio, hai que sinalar que este mecanismo daba cobertura a 343 persoas a final do mes, das cales 229 estaban en erte etop e 114 en erte forza maior.