Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

SOS Sanidade Pública reclama en toda Galicia medidas contra as listas de espera

    A plataforma SOS Sanidade Pública desenvolveu este xoves concentracións en centros de saúde e hospitais de toda Galicia para protestar contra o incremento das listas de agarda e reclamar medidas que permitan mellorar a atención sanitaria pública. As mobilizacións tiveron lugar na Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra, Ferrol, Ourense, O Carballiño, O Salnés, A Mariña, O Barbanza, Marín e Moaña.

    04/06/2026.
    Mobilizacións de SOS Sanidade Pública (6 de xuño do 2026)

    Mobilizacións de SOS Sanidade Pública (6 de xuño do 2026)

    SOS Sanidade, da que forma parte CCOO canda a outras organizacións sociais, sindicais e profesionais, denunciou a situación das listas de agarda e reiterou a necesidade de adoptar medidas para reducir os tempos de espera e mellorar o funcionamento do sistema sanitario público.

    Entre as propostas trasladadas pola plataforma están o coñecemento da realidade das listaxes de espera «sen maquillaxes nin ocultamentos», a prioridade para os problemas con risco de morte ou invalidez, a utilización «intensiva» dos recursos do sistema sanitario público, o incremento do persoal en atención primaria e hospitais e a potenciación da dedicación exclusiva dos profesionais sanitarios.

    A plataforma tamén defende o reforzamento da atención primaria mediante un modelo multidisciplinario e comunitario con recursos suficientes, unha mellor coordinación entre atención primaria e hospitalaria, unha rede de camas de media e longa estancia e unha maior atención sociosanitaria para evitar o prolongamento dos períodos de ingreso nos hospitais.

    SOS Sanidade Pública asegura que continuará reclamando medidas que permitan garantir unha asistencia sanitaria pública de calidade e reducir unhas listas de espera que prexudican a poboación.