Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

CCOO denuncia a presión comercial e reclama melloras laborais no sector financeiro

    CCOO-Servizos mobilizouse na Coruña para denunciar a crecente presión comercial que sofre o persoal das entidades financeiras e reclamar un cambio no modelo laboral dun sector que continúa rexistrando beneficios récord.

    04/06/2026.
    Mobilización do sector financeiro de CCOO contra os abusos (6 de xuño do 2026)

    Mobilización do sector financeiro de CCOO contra os abusos (6 de xuño do 2026)

    A protesta desenvolveuse este xoves diante das sedes de varias entidades bancarias da cidade e concluíu cunha concentración ante a sede de Abanca. A mobilización en Galicia formou parte dunha xornada estatal de protestas convocada polo sindicato para visibilizar a situación que atravesan os cadros de persoal do sector financeiro.

    Segundo a Federación de Servizos, a presión por cumprir obxectivos comerciais continúa incrementándose e está a ter consecuencias negativas sobre a saúde física e mental das persoas traballadoras. CCOO apoia estas reivindicacións nos resultados do informe Sector financiero: la voz de las plantillas, elaborado a partir de máis de 45 000 respostas recollidas en maio.

    Os datos da enquisa sinalan un aumento da carga de traballo e da presión comercial, así como unha elevada incidencia de problemas relacionados coa saúde laboral. Ademais, unha parte significativa do persoal asegura sentirse condicionada para realizar vendas e considera que a retribución non se corresponde co nivel de responsabilidade e desempeño esixido.

    Ante esta situación, CCOO reclama a apertura dunha mesa de negociación que permita abordar os principais problemas do sector. Entre as súas demandas figuran o reforzamento dos cadros de persoal, a redución da presión comercial, medidas efectivas para protexer a saúde mental, respecto aos horarios e á conciliación e unha repartición máis xusta dos beneficios obtidos polas entidades financeiras.