Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

As escolas infantís municipais da Coruña non poden sosterse sobre traballo gratuíto nin sobre a precarización das condicións laborais das traballadoras

    CCOO rexeita que o Concello pretenda premiar as empresas licitadoras que ofrezan actividades en fins de semana sen custo.

    08/06/2026.
    Unha protesta de traballadoras de escolas infantís.

    Unha protesta de traballadoras de escolas infantís.

    CCOO Ensino manifesta o seu absoluto rexeitamento á nova cláusula incorporada nos pregos de licitación das escolas infantís municipais do Concello da Coruña, pola que se establece como mellora avaliable que as empresas licitadoras ofrezan ata 50 horas de actividades en fins de semana sen custo para a Administración municipal.

    Esta medida supón apertar outra volta a rosca dun modelo de contratación que prioriza a competencia económica entre empresas por riba da calidade educativa, das condicións laborais do persoal e da transparencia na xestión dos servizos públicos.

    O prego establece que estas actividades deberán realizarse durante a fin de semana e define o servizo completo como a prestación de servizos por parte do persoal que forma parte dunha escola infantil municipal, fóra dos días e do horario normal de prestación do servizo. Ademais, indica que estas actividades poderán desenvolverse na propia escola, no dominio público municipal ou noutro recinto municipal, e que a empresa deberá poñer á disposición da actividade todo o persoal necesario para garantir o seu correcto funcionamento e a atención á cativada. Estamos, polo tanto, diante dunha medida que non se limita ao uso das instalacións, senón que pretende dispoñer do persoal das escolas infantís para actividades adicionais de fin de semana, dentro ou fóra do centro, sen que exista ningunha garantía de mellora das condicións laborais de quen deberá asumir estas tarefas.

    Resulta especialmente preocupante que o Concello pretenda presentar como unha mellora aquilo que, na práctica, significa a realización de actividades adicionais sen financiamento específico. Non existe ningún servizo gratuíto: cando unha Administración esixe máis prestacións sen incrementar os recursos económicos, alguén acaba asumindo ese custo. E, como acontece con frecuencia, o risco é que recaia sobre os cadros de persoal mediante unha maior flexibilidade, máis dispoñibilidade e unha presión crecente sobre as condicións de traballo.

    CCOO Ensino considera inaceptable que a Administración local utilice a contratación pública para incentivar ofertas baseadas na prestación de servizos gratuítos. Este tipo de cláusulas fomentan unha competición entre empresas baseada na redución de custos e non na mellora real dos proxectos educativos. O resultado adoita ser sempre o mesmo: máis precariedade, máis externalización e unha progresiva degradación das condicións laborais.

    Desde CCOO Ensino defendemos que as escolas infantís municipais teñen unha función educativa propia, que se desenvolve de luns a venres e que debe prestarse con persoal suficiente, condicións laborais dignas e financiamento público adecuado. O que recolle o prego é a incorporación, dentro da licitación das escolas infantís municipais, dunha prestación allea ao servizo educativo ordinario: actividades de fin de semana vinculadas ás EIM, dentro ou fóra das súas instalacións, e atendidas polo persoal das propias escolas. A conciliación das familias, a participación comunitaria ou a programación de actividades complementarias son obxectivos lexítimos, pero non poden acadarse á custa de introducir mecanismos que premian a oferta de horas gratuítas e normalizan a dispoñibilidade permanente das traballadoras e traballadores.

    Indigna sobre todo que o Concello da Coruña introduza unha medida destas características nun momento en que a sociedade galega e o conxunto do Estado teñen a atención posta na situación de precariedade que padecen moitas traballadoras das escolas infantís. Mentres se multiplican as demandas de mellora das condicións laborais, de recoñecemento profesional e de reforzo dos servizos de atención á infancia, o Goberno municipal opta por promover un modelo que incentiva a prestación de máis servizos sen financiamento suficiente. Lonxe de contribuír a dignificar o sector, esta decisión constitúe un auténtico despropósito que afonda nunha lóxica de abaratamento dos servizos públicos e de presión sobre as traballadoras.

    Por todo isto, esixímoslle ao Concello da Coruña a retirada desta cláusula dos pregos de licitación e a apertura dun proceso de diálogo coas organizacións sindicais para garantir que a xestión das escolas infantís municipais se basee na calidade educativa, no emprego digno e no respecto aos dereitos laborais.

    As nenas e nenos, as familias e as profesionais das escolas infantís merecen un modelo baseado no investimento público e na calidade do servizo, non na obtención de prestacións gratuítas nin na mercantilización da educación infantil.