Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

Centos de empregados e empregadas públicas concéntranse fronte á Xunta por uns servizos públicos de calidade

    Centos de empregados e empregadas públicas da Administración galega participaron este mércores na concentración convocada por CCOO, CSIF e UGT diante da sede da Xunta de Galicia, en Santiago de Compostela, para denunciar o recorte de dereitos laborais e reclamar uns servizos públicos de calidade.

    10/06/2026.
    Concentración de empregadas e empregados públicos fronte á sede da Xunta de Galicia (10/6/2026)

    Concentración de empregadas e empregados públicos fronte á sede da Xunta de Galicia (10/6/2026)

    As tres organizacións sindicais alertaron da crecente deriva da Administración autonómica nun camiño de perda de dereitos debida á imposición de medidas pola ausencia dun marco real de negociación colectiva para o persoal do sector público.

    Os sindicatos denuncian que nos últimos meses se produciron retrocesos en materias esenciais relacionadas coa negociación colectiva, a seguridade xurídica, a transparencia e as condicións laborais, situación que, ao seu xuízo, está a provocar tamén unha deterioración dos servizos públicos.

    Entre os exemplos desta situación, CCOO, CSIF e UGT sinalan a modificación do decreto de listaxes de contratación temporal —sen acordo sindical—, os atrasos e problemas na resolución de procesos selectivos e concursos de traslados, así como a decisión de devolverlle a SEAGA a xestión das brigadas de prevención e defensa contra os incendios forestais.

    Reclamaron a suspensión da reforma do decreto de listaxes, a resolución definitiva dos procesos de concurso, oferta pública de emprego e estabilización con todas as garantías xurídicas, así como o reforzamento do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPDCIF) mediante xestión directa da Consellería do Medio Rural.

    Tamén esixiron avances en cuestións pendentes como a implantación da xornada de 35 horas, a carreira profesional, o desenvolvemento do grupo B de clasificación profesional, a promoción interna, o concurso aberto e permanente e a apertura das mesas de negociación pendentes en distintos ámbitos da Administración autonómica.

    A primeira de novas mobilizacións

    CCOO, CSIF e UGT consideran que a situación require recuperar o diálogo social e a negociación colectiva para mellorar as condicións laborais do persoal empregado público e garantir uns servizos públicos de calidade para toda a cidadanía.

    A concentración deste mércores constitúe a primeira mobilización dunha campaña que as tres organizacións sindicais prevén continuar nos próximos meses para denunciar a deterioración da función pública galega e reclamar un cambio de rumbo por parte da Administración autonómica.