Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

CCOO reclama medidas urxentes fronte ás temperaturas extremas e reforzar a negociación colectiva para protexer a saúde laboral

    CCOO acaba de lanzar unha campaña informativa para promover a prevención dos riscos derivados da calor extrema nos centros de traballo. O sindicato tamén esixe desenvolver a normativa pendente en materia de cambio climático e saúde laboral e a súa inclusión nos convenios colectivos mediante protocolos específicos de actuación fronte a catástrofes e fenómenos meteorolóxicos adversos.

    11/06/2026.
    A calor é un risco laboral que cómpre previr

    A calor é un risco laboral que cómpre previr

    Para CCOO, adaptar o traballo ao cambio climático «xa non é unha opción, senón unha obriga legal, social e ética»: hoxe en día, as altas temperaturas afectan a catro de cada dez persoas traballadoras no Estado e só o 27 % consideran que a súa empresa adopta medidas adecuadas para protexelas da calor.

    O sindicato denuncia que moitas empresas seguen sen protocolos axeitados ou sen aplicar de forma efectiva as medidas preventivas recollidas na normativa vixente; de feito, unicamente o 8 % conta con plans de actuación fronte a fenómenos meteorolóxicos adversos.

    CCOO lembra, ademais, que os efectos da calor extrema van moito máis aló dos golpes de calor, xa que existe unha relación directa entre a exposición a temperaturas elevadas e o aumento da sinistralidade laboral, así como co agravamento de determinadas patoloxías cardiovasculares e respiratorias. Os sectores máis expostos seguen a ser aqueles que desenvolven a súa actividade ao aire libre ou xunto a focos de calor, como a construción, a agricultura, a limpeza urbana, a repartición, os servizos de emerxencia ou a hostalaría.

    Ao abeiro desta campaña, CCOO presenta tamén un protocolo para incorporar aos convenios colectivos pautas de actuación fronte a catástrofes e fenómenos meteorolóxicos adversos para anticipar riscos, protexer a saúde das persoas traballadoras e garantir respostas coordinadas ante situacións cada vez máis frecuentes. A guía establece contidos mínimos como a identificación dos riscos climáticos, a creación de equipos de seguimento, sistemas de comunicación de emerxencia, plans de formación e medidas preventivas adaptadas a cada actividade.

    Este protocolo prevé mecanismos de actuación graduados segundo os niveis de alerta meteorolóxica, incluíndo a adaptación ou paralización de determinadas tarefas, a prioridade do traballo a distancia cando sexa posible, a protección reforzada das persoas especialmente vulnerables e a aplicación dos permisos climáticos retribuídos previstos na lexislación laboral. Ademais, establece que a protección da vida, da saúde e da seguridade das persoas traballadoras debe prevalecer sobre calquera criterio produtivo, organizativo ou económico durante as situacións de emerxencia.

    Dereitos fronte á calor extrema

    As altas temperaturas son un risco laboral. En situacións de alerta por calor, as empresas deben adaptar horarios, reorganizar tarefas e reducir a exposición durante as horas de maior risco. Así mesmo, as persoas traballadoras teñen dereito a dispoñer de auga potable, zonas de descanso e sombra, ventilación axeitada e equipamentos de protección adecuados ás condicións ambientais.

    Cando as condicións meteorolóxicas poidan comprometer a saúde ou a seguridade do persoal, a empresa debe adoptar medidas preventivas adicionais, incluíndo a modificación ou suspensión de determinadas tarefas e actividades. Sexa cal for a actuación da empresa, a persoa traballadora ten dereito a interromper unha actividade e abandonar o lugar de traballo se considera que implica un risco grave ou inminente para a súa vida ou saúde, entre outros aspectos.