Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

CCOO organiza a vindeira semana en Vigo unha xornada interdisciplinaria de ámbito provincial sobre a saúde laboral

    Comisións Obreiras (CCOO) organizará o vindeiro 16 de xuño en Vigo unha xornada interdisciplinaria de ámbito provincial para analizar distintas cuestións relacionadas coa saúde laboral. Entre outras, o mal chamado ‘absentismo’, a prevención de riscos, o papel das mutuas e o impacto que ten sobre a saúde das persoas traballadoras a deterioración que padece o sistema sanitario público. Neste foro participarán representantes sindicais, pero tamén da Inspección de Traballo e Seguridade Social, da patronal e das mutuas.

    12/06/2026.
    A xornada terá lugar o 16 de xuño na UNED de Vigo

    A xornada terá lugar o 16 de xuño na UNED de Vigo

    A actividade está promovida polas unións comarcais de CCOO de Vigo, Pontevedra e Arousa, e desenvolverase a partir das 10:00 horas na aula da UNED de Vigo, na rúa de Beiramar, número 59.

    Participarán Armando Iglesias Rodríguez, secretario de Acción Sindical e Saúde Laboral de CCOO de Galicia; Ana Pouso Lijó, xefa da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra; Jorge Cebreiros Arce, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra; e Carlos Llanos Santos, presidente de AMAT e director rexional de Fremap en Galicia. A moderación correrá a cargo de Daniel Ricart Alonso, secretario de Acción Sindical e Saúde Laboral da Unión Comarcal de CCOO de Vigo.

    Aumento da sinistralidade laboral na provincia

    O escenario actual en Galicia está marcado polo debate ao redor do aumento das incapacidades temporais, a saúde mental no traballo e as condicións laborais en sectores estratéxicos. Segundo o informe sobre sinistralidade laboral presentado por CCOO o pasado mes de abril —a partir dos datos do ISSGA—, durante 2025 rexistráronse na provincia de Pontevedra 9877 accidentes con baixa en xornada laboral, un 4,76 %.

    Así mesmo, o índice de incidencia —número de accidentes por cada mil persoas traballadoras— incrementouse, neste caso un 3,36 %. Tamén aumentaron os accidentes de traballo in itinere —desde ou cara ao lugar de traballo—, que pasaron de 1352 a 1405 casos. Nesta última categoría, os accidentes graves aumentaron de 23 a 31, se ben os mortais diminuíron de catro a dous.