Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

CCOO logra a maioría no comité de Ence malia o intento da empresa de favorecer outras candidaturas

    As primeiras eleccións tras a permanencia en Lourizán e o ERE extintivo ratifican o labor combativo dos representantes de Comisións Obreiras.

    12/06/2026.
    Protesta contra o ERE en San Caetano.

    Protesta contra o ERE en San Caetano.

    A candidatura de Comisións Obreiras nas eleccións sindicais de Ence foi a máis votada e acadou un total de seis persoas delegadas, nun contexto en que a dirección da empresa se implicou para favorecer outras candidaturas, como castigo polo papel reivindicativo que desempeñou CCOO durante o ere extintivo. A CIG obtivo catro representantes e a UGT, tres.

    Os resultados coñecéronse preto da medianoite deste xoves, despois de que participara o 77 % das persoas traballadoras do colexio de especialistas (produción) e o 83 % do colexio de técnicos. A maior participación no colexio de técnicos, unha anomalía histórica, veu determinada pola activa implicación da dirección da empresa no proceso electoral a favor de UGT.

    Tratouse dun claro intento de devolverlles o favor polo seu comportamento dócil no ere extintivo e para tratar de «castigar» a postura combativa de CCOO, que posibilitou que as saídas do ere foran voluntarias e non forzosas como pretendía inicialmente a empresa. A dirección perseguía tamén que a composición do comité fose máis favorable aos intereses da patronal.

    Dun cadro de 264 persoas traballadoras, correspondía elixir seis representantes polo colexio de técnicos e sete polo de especialistas. En técnicos, UGT acadou 37 votos (dous delegados), CCOO 30 votos (dous delegados) e CIG 26 votos (dous delegados). En especialistas, CCOO obtivo o 56,3 % dos votos e catro representantes; a CIG, o 28,5 % e dous representantes e UGT, o 15,2 % e un representante. Deste xeito, o comité de empresa de 13 membros queda composto por seis persoas de CCOO, catro para a CIG e tres para a UGT.

    Estas eleccións —as primeiras despois de conseguir a permanencia en Lourizán, do ERE extintivo promovido pola empresa e dos reiterados incumprimentos de investimentos na factoría pontevedresa— confirman a Comisións Obreiras como primeira forza sindical en Ence, malia o concienciudo traballo realizado pola dirección da empresa no intento de alterar os resultados electorais.

    CCOO agradece o apoio recibido, polo que supón de ratificación do traballo sindical desenvolvido polos nosos representantes e polo sindicato e mais pola nidia mensaxe que lle enviaron as urnas á dirección da empresa.