Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

CCOO reclama restricións na apertura comercial en domingos para garantir o dereito ao descanso das persoas traballadoras

    A Federación de Servizos de CCOO Galicia denuncia a ampliación da apertura comercial en domingos e festivos —especialmente de supermercados xestionados por franquías e grandes cadeas de distribución— como un ataque directo ao dereito fundamental ao descanso das persoas traballadoras. A organización sindical reclámalles ás Administracións públicas que sitúen a conciliación laboral no centro de calquera decisión sobre horarios comerciais. A reclamación adquire especial relevancia neste momento, xa que se está a negociar o novo convenio do comercio de alimentación na provincia da Coruña.

    15/06/2026.
    CCOO rexeita a apertura dos comercios en domingos e festivos

    CCOO rexeita a apertura dos comercios en domingos e festivos

    A normativa galega de horarios comerciais establece excepcións para establecementos de ata 300 metros cadrados de superficie. Porén, segundo denuncia CCOO, estas excepcións son aproveitadas sistematicamente por grandes cadeas de distribución a través de franquías e filiais, o que varía a intención orixinal da lei. Isto provoca que en moitos casos os domingos e festivos sexan días laborais para miles de persoas do sector, algo que a organización sindical considera inaceptable.

    «Detrás de cada supermercado aberto nun domingo hai persoas traballadoras que renuncian a tempo coas súas familias e a actividades sociais», denuncia CCOO-Servizos. A ampliación de horarios comerciais «aumenta a presión sobre os traballadores e as traballadoras», requiríndolles maior dispoñibilidade e a renuncia ao seu dereito fundamental ao descanso. «Isto contradí frontalmente os obxectivos da negociación colectiva en marcha, cuxa principal reivindicación é a redución de xornada laboral e o aumento das “fins de semana de calidade”», abunda o sindicato.

    Por todo isto, desde CCOO-Servizos pídenlles tanto á Xunta de Galicia como aos Concellos que teñan en conta as alegacións que presenta o sindicato cada ano rexeitando a autorización da apertura dos establecementos en domingos e festivos. «O verdadeiro progreso social non consiste en poder consumir a calquera hora, senón en que os traballadores e as traballadoras poidan gozar de mellores condicións laborais e dunha vida equilibrada alén da faceta laboral».

    Falta de man de obra e de «tempo para vivir»

    Para Comisións, os horarios comerciais de luns a sábado ofrecen «tempo máis ca abondo» para realizar as compras habituais, polo que a apertura en domingos «non responde a unha necesidade real da cidadanía, senón a intereses empresariais de maximización de beneficios».

    Finalmente, a Federación de Servizos convida a unha reflexión ao redor das «constantes queixas pola falta de man de obra no sector», un fenómeno que, «lonxe de ser casual, responde a condicións estruturais» como as xornadas parciais, os baixos salarios «e incluso a falta de tempo para vivir». Unha actividade que asenta sobre estas bases «non pode ser atractivo para ninguén», conclúe CCOO.