Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

CCOO esixe unha mellora integral da saúde laboral e reclama multiplicar o investimento na Inspección de Traballo: «En Galicia só hai un inspector por cada 20 000 persoas traballadoras»

    Representantes sindicais, da patronal, das mutuas e da Inspección de Traballo debaten en Vigo cuestións como o chamado ‘absentismo’ ou a prevención de riscos.

    17/06/2026.
    Xornada de saúde laboral en Vigo, 16 de xuño de 2026.

    Xornada de saúde laboral en Vigo, 16 de xuño de 2026.

    Preto dun cento de persoas achegáronse este martes á aula da UNED en Vigo para asistir á xornada «A realidade detrás das cifras: absentismo, prevención na empresa, mutuas e deterioración do sistema sanitario», organizada por Comisións Obreiras, na que participaron representantes sindicais, da patronal, das mutuas e da Inspección de Traballo.

    Neste foro, o secretario de Saúde Laboral de CCOO, Armando Iglesias, defendeu que a mellora da saúde laboral esixe unha maior implicación de todos os actores e puxo o exemplo das carencias da Inspección de Traballo para cumprir co seu labor preventivo. Se a Organización Internacional do Traballo recomenda un inspector por cada 3000 persoas traballadoras, «en Galicia só hai un por cada 20 000; así é moi difícil chegar a todo o territorio e evitar os accidentes laborais», explicou Iglesias.

    A xornada, que foi promovida polas unións comarcais de CCOO de Vigo, Pontevedra e Arousa, tamén contou coa participación de Ana Pouso Lijó, xefa da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Pontevedra; Jorge Cebreiros Arce, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra; e Carlos Llanos Santos, presidente de AMAT e director rexional de Fremap en Galicia. A moderación correu a cargo de Daniel Ricart Alonso, secretario de Acción Sindical e Saúde Laboral da Unión Comarcal de CCOO de Vigo.

    Durante o debate aberto entre as persoas participantes, Armando Iglesias incidiu en como a Xunta e a patronal, de maneira interesada, están tentando mesturar as baixas laborais cun suposto problema de absentismo. «É máis sinxelo poñer o dedo acusador sobre unha persoa traballadora que sobre unha Administración ou unha empresa», denunciou o representante de Comisións. Esta mesma mañá, sen ir máis lonxe, o presidente galego, Alfonso Rueda, insistía nesa narrativa culpabilizadora e estigmatizante. «Ninguén quere enfermar», subliñou Iglesias.

    No eido da prevención, o sindicalista reproboulles ás empresas por non lles dar a importancia necesaria ás avaliacións de riscos e por solucionar esta cuestión da maneira máis barata posible e como un mero trámite para evitar sancións. Mesmo alertou dunha carreira á baixa dos servizos de prevención por ofrecer os seus servizos a menor custo, sen unha preocupación real por crear medios laborais máis sans.

    Saúde mental

    Outro aspecto abordado foi o incremento das enfermidades mentais, cun crecemento moi forte nos últimos anos. Nese senso, Iglesias sinalou que hai xa estudos que apuntan que unha porcentaxe superior ao 30 % de doenzas como a depresión ou a ansiedade teñen orixe laboral, o que atribuíu á crecente presión e a sobrecarga de traballo en moitas empresas. Como exemplo desta situación puxo as 122 000 horas extras non pagadas e non cotizadas que se fan en Galicia cada semana, o que indica un problema recorrente de tempos de traballo excesivos.

    Armando Iglesias tamén se mostrou moi crítico co papel das mutuas, por actuaren con frecuencia en «conivencia» coas empresas e por teren tendencia a negar a orixe laboral de doenzas e accidentes que, claramente, si o son. Eses rexeitamentos abocan as persoas traballadoras a pelexar no xulgado, co que supón de custo económico e de desgaste persoal. Ademais, engadiu, todas esas baixas que se están tratando como comúns pero que en realidade son laborais teñen un dobre efecto no sistema: por unha banda, contribúen a colapsar o xa deteriorado sistema sanitario público e, por outra, desvían ao Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) gastos que elas deberían asumir.

    Na parte final do debate, o representante de Comisións Obreiras puxo en valor o diálogo social e a importancia da negociación entre as partes. Iso si, apuntou que nestes momentos, de máis de 1000 convenio colectivos asinados en Galicia, só 200 contan con vixencia expresa, unha situación que atribuíu ao bloqueo das patronais.