Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

O persoal da Seguridade Social mobilizouse para esixir o cumprimento dos acordos asinados

    CCOO, CSIF, UGT e CIG iniciaron este mércores un calendario de mobilizacións na Seguridade Social para denunciar o incumprimento dos compromisos adquiridos pola Administración e reclamar medidas que garantan o futuro dun servizo público esencial. A primeira convocatoria tivo lugar este 17 de xuño, entre as 11:00 e as 11:30 horas, diante das direccións provinciais do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) e dos servizos centrais do organismo. En Galicia, a concentración desenvolveuse na Dirección Provincial do INSS da Coruña.

    17/06/2026.
    Concentración do persoal da Seguridade Social fronte á Dirección Provincial do INSS da Coruña

    Concentración do persoal da Seguridade Social fronte á Dirección Provincial do INSS da Coruña

    As catro organizacións sindicais atribuíron esta mobilización ao incumprimento do acordo subscrito o 16 de maio de 2023 entre a Administración e a representación do persoal, así como á paralización das medidas previstas para modernizar a Administración da Seguridade Social. Tamén denunciaron que segue sen aplicarse a adaptación da xornada e dos calendarios laborais aprobada recentemente para a Administración Xeral do Estado.

    Os sindicatos alertaron da falta de avances en cuestións que consideran «fundamentais» para garantir o funcionamento da Seguridade Social, como a reorganización do organismo, a cobertura de vacantes, a estabilización e o rexuvenecemento dos cadros de persoal, a mobilidade, o teletraballo, a formación, a prevención de riscos laborais, a promoción profesional e a negociación das condicións de traballo.

    Tamén denunciaron que as produtividades do persoal seguen sen actualizarse consonte as melloras aplicadas noutros organismos da Administración Xeral do Estado, unha situación que, segundo advertiron, dificulta a captación e retención de profesionais nun organismo que afronta importantes retos presentes e futuros.

    Segundo as organizacións convocadoras, esta situación está a provocar «unha deterioración progresiva das condicións laborais e un incremento constante das cargas de traballo», nun contexto marcado polo envellecemento dos cadros de persoal e pola falta de efectivos. Ademais, advertiron de que estas eivas «prexudican directamente a calidade da atención que recibe a cidadanía».

    CCOO, CSIF, UGT e CIG subliñaron que o obxectivo das protestas é reclamar o cumprimento dos acordos asinados e dotar a Seguridade Social dos recursos humanos e organizativos necesarios para prestar un servizo público «moderno, eficaz e de calidade». As organizacións avanzaron que as mobilizacións continuarán mentres o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións non adopte medidas que garantan o cumprimento dos compromisos adquiridos.

    A concentración da Coruña formou parte dunha xornada de protestas desenvolvida simultaneamente en distintas provincias do Estado.