Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

O éxito da folga do metal da Coruña forza a patronal a pedir a mediación do AGA

    As negociacións comezarán este luns; sen non houber avances, realizaranse novos paros o 30 de xuño e o 2 de xullo.

    19/06/2026.
    Oitava xornada de folga no metal da Coruña.

    Oitava xornada de folga no metal da Coruña.

    Novidades no convenio do metal da Coruña: logo de oito xornadas nas que o sector mostrou forza e unidade e parou as fábricas, a patronal viuse forzada a mover ficha e solicitou ao Consello Galego de Relacións Laborais a mediación no AGA. A primeira reunión será este luns, 22 de xuño, na Coruña e como mediador actuará Demetrio Fernández, director territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social en Galicia.

    CCOO Industria, que forma a parte social con UGT e CIG, sentará na mesa coa intención de chegar a un acordo, pero os empresarios deben ter claro que non vai renunciar ás súas propostas fundamentais, que son xustas e son polas que loitaron as persoas traballadoras ao longo de oito días de folga.

    A falta de ver se a parte empresarial muda de verdade de actitude, mantense a convocatoria de folga para os días 30 de xuño e 2 de xullo. Cómpre lembrar que a mediación no AGA non equivale a unha arbitraxe, de xeito que calquera das dúas partes pode abandonar a mesa se considerar que a negociación non satisfai a súas pretensións.

    O novo convenio ten que recoller as nosas principais reclamacións: salarios xustos que garantan o poder adquisitivo real; redución do tempo de traballo para poder conciliar e vivir; garantías para a xubilación parcial, porque temos dereito a descansar despois dunha vida no taller; e saúde laboral e protección fronte aos traballos penosos, tóxicos e perigosos.