Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

A alta mortalidade e sinistralidade no sector reforzan a demanda de xubilación anticipada para as persoas condutoras

    A Federación de Servizos á Cidadanía de CCOO de Galicia acolle positivamente o informe da Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social sobre a morbilidade e mortalidade das persoas profesionais da condución.

    22/06/2026.
    Camión de transporte de mercadorías. | Foto: Pixabay

    Camión de transporte de mercadorías. | Foto: Pixabay

    O responsable do sector de Estradas, José Manuel Costas, salienta que o documento «confirma o que levamos anos denunciando»: as condicións laborais deste colectivo teñen un impacto directo na saúde das persoas traballadoras e dificultan que poidan exercer a profesión ata idades avanzadas.

    O informe conclúe que o colectivo presenta elevados índices de mortalidade e morbilidade, cunha incidencia que aumenta coa idade. Para CCOO, estas conclusións reforzan a necesidade de avanzar no recoñecemento dos coeficientes redutores da idade de xubilación, unha medida que permitiría facilitar o acceso á xubilación anticipada das persoas profesionais da condución.

    Costas sinala que o transporte por estrada constitúe un sector estratéxico para a economía galega, pois emprega unhas 30 000 persoas, especialmente ligadas aos principais polos industriais do país e fundamentais para garantir o abastecemento e a mobilidade de mercadorías. Destas, unhas dez mil poderían estar en idade de xubilarse nos próximos cinco anos.

    Para a FSC-CCOO de Galicia, o recoñecemento dos coeficientes redutores é unha «cuestión de xustiza» para miles de profesionais que desenvolveron toda a súa vida laboral nunha actividade especialmente esixente. Agarda que os informes aínda pendentes permitan constatar «que se dan as condicións legalmente previstas» para facer realidade esta demanda.