Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

CCOO denuncia que o persoal do Sergas na provincia de Ourense segue traballando en condicións extremas durante a vaga de calor

    CCOO denuncia que o persoal do Sergas da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras continúa a desenvolver o seu traballo «en condicións de estrés térmico» durante a actual vaga de calor debido á ausencia ou insuficiencia dos sistemas de climatización en numerosos centros sanitarios.

    23/06/2026.
    CCOO lembra que a lexislación obriga a manter unhas condicións de climatización para non prexudicar a saúde laboral

    CCOO lembra que a lexislación obriga a manter unhas condicións de climatización para non prexudicar a saúde laboral

    O sindicato lembra que hai un ano, en xullo de 2025, xa denunciara perante a Inspección de Traballo as elevadas temperaturas rexistradas na maioría dos centros de saúde da Área Sanitaria, así como en diferentes zonas asistenciais do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Como consecuencia daquela denuncia, a autoridade laboral requiriulle ao Sergas que adoptase medidas preventivas destinadas a paliar os efectos da calor.

    Porén, segundo denuncia CCOO, a situación segue sen resolverse. A maioría dos centros de saúde da Área Sanitaria continúan sen climatización e as unidades de hospitalización do Edificio Cristal, as consultas do Hospital Santa María Nai e o Hospital de Piñor seguen sen contar coa climatización suficiente. Esta situación provoca que nas zonas de traballo se superen os 30 graos centígrados, ocasionando mareos, dores de cabeza e malestar xeral tanto entre o persoal como entre as persoas usuarias.

    A Federación de Sanidade de CCOO subliña que a normativa estatal obriga as empresas a adaptaren as condicións de traballo cando a AEMET active avisos laranxas ou vermellos por temperaturas elevadas, co obxectivo de garantir a protección da saúde das persoas traballadoras. Neste contexto, a propia Xunta de Galicia ampliou para este martes o nivel de alerta vermella por calor á comarca de Valdeorras, incluíndo os concellos do Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.

    Para CCOO, esta situación evidencia aínda máis a necesidade de que o Sergas «adopte medidas efectivas» para protexer a saúde do persoal e das persoas usuarias fronte ás temperaturas extremas. Ademais, a organización sindical considera que os responsables da Área Sanitaria non poden alegar «falta de previsión», xa que leva anos advertindo dun problema que se repite cada verán.

    A organización sindical considera tamén que os anuncios realizados pola Consellería de Sanidade sobre os investimentos destinados a combater a calor nos centros sanitarios «non se reflicten na realidade diaria dos profesionais e usuarios da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras».

    Así mesmo, CCOO afirma que a Xerencia da Área Sanitaria mantén «unha actitude reiterada de desprezo cara ás delegadas e delegados de prevención, e de inacción ante as condicións climáticas extremas e adversas da provincia», ao non garantir as mellores condicións posibles nos centros de traballo nin a protección da saúde do persoal.