Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

«Éxito rotundo» as catro xornadas de folga no comercio de alimentación da Coruña

    Os sindicatos CCOO, CIG, UGT e USO continuaron co calendario de mobilizacións no sector do comercio de alimentación da provincia da Coruña ante a persistencia do bloqueo patronal na negociación do convenio colectivo.

    25/06/2026.
    Manifestación de traballadoras e traballadores do sector do comercio de alimentación da provincia da Coruña (23/6/2026)

    Manifestación de traballadoras e traballadores do sector do comercio de alimentación da provincia da Coruña (23/6/2026)

    Tras o paro realizado o pasado 29 de maio e ante a ausencia de avances reais na mesa negociadora, as organizacións sindicais desenvolveron catro novas xornadas de folga os días 21, 22, 23 e 24 de xuño, coincidindo coa festividade do San Xoán.

    Ademais, no caso concreto do martes, houbo manifestacións en catro localidades: A Coruña, con saída desde a Praza de Lugo; en Santiago de Compostela, desde o Gadis da rúa Montero Ríos; en Ferrol, desde o Gadis de Ultramar; e en Ribeira, desde o Hiper Gadis. Ao abeiro da convocatoria tamén tiveron lugar concentracións diante de diferentes supermercados da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela e Ribeira.

    Os sindicatos destacaron o seguimento maioritario da folga e a elevada participación de traballadoras e traballadores tanto nos paros como nas mobilizacións convocadas ao longo das catro xornadas. Desde a Federación de Servizos de CCOO coidan a resposta do persoal como un «éxito rotundo», coa confianza en que obrigue a patronal a rectificar e retomar unha negociación efectiva.

    «Falamos de poder pagar unha vivenda ou asumir os gastos básicos»

    O responsable do sector de Alimentación de CCOO en Galicia, José Ramón Romero, valorou de forma «moi positiva» o desenvolvemento da folga e explicou que a convocatoria de catro días respondeu tamén a razóns organizativas, co obxectivo de evitar que as plataformas loxísticas puidesen compensar a ausencia de persoal mediante horas extraordinarias ou contratación eventual.

    As organizacións sindicais denunciaron que a negociación permaneceu estancada e reiteraron que os cadros de persoal reclaman melloras salariais e laborais. Segundo Romero, «non falamos de vivir con luxos; falamos de poder pagar unha vivenda, asumir os gastos básicos e facer unha compra normal do día 1 ao 31 traballando 40 horas semanais».

    Longas xornadas e falta de descanso

    O responsable de CCOO denunciou tamén problemas derivados das xornadas de traballo, a falta de descanso, a elevada parcialidade e a perda de poder adquisitivo acumulada nos últimos anos. Así mesmo, lembrou que as principais empresas da distribución alimentaria continuaron rexistrando importantes beneficios mentres os cadros de persoal soportaban unha crecente carga de traballo.

    CCOO denuncia o bloqueo da negociación colectiva

    Pola súa parte, o secretario xeral de CCOO-Servizos, Iván Cordeiro, encadrou este conflito no contexto do bloqueo da negociación colectiva en Galicia e advertiu de que a folga no comercio de alimentación da provincia da Coruña «non é a causa do conflito, senón a consecuencia de meses de negociación sen avances significativos» en materias fundamentais como os salarios, a xornada e as condicións laborais.

    Engadiu que, nun contexto de bos resultados empresariais, os cadros de persoal reclaman participar de forma xusta na riqueza que contribúen a xerar mediante mellores salarios e condicións de traballo.