Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

CCOO denuncia os despedimentos en Down Vigo e reclama transparencia sobre a xestión da entidade

    A Federación do Ensino de CCOO denuncia que a dirección de Down Vigo está a afrontar a crise económica da entidade con despedimentos de traballadoras e traballadores.

    25/06/2026.
    Sede de Down Vigo, na zona histórica da cidade | Foto: Google S. View

    Sede de Down Vigo, na zona histórica da cidade | Foto: Google S. View

    O sindicato reclama maior transparencia sobre a situación financeira da entidade, a revisión das decisións de xestión que levaron á actual crise e a apertura dun diálogo co cadro de persoal para garantir a viabilidade da asociación sen seguir deteriorando o emprego nin a calidade da atención ás persoas usuarias.

    Segundo transmiten as persoas traballadoras, Down Vigo atravesa desde hai tempo unha «profunda crise económica» que xa provocou o despedimento de varios profesionais. Entre as medidas recollidas no plan de viabilidade figura a supresión de cinco postos de traballo, unha decisión que consideran «inxusta» por recaer sobre a parte social en lugar de asumirse responsabilidades polas decisións de xestión adoptadas nos últimos anos.

    As persoas traballadoras atribúen a situación a «cuestionables decisións» na xestión financeira e ás diferentes posturas mantidas pola dirección e pola xunta directiva. Ademais, consideran especialmente significativo que a eliminación de cinco postos de traballo coincida co custo mensual aproximado do novo local ao que se trasladou a asociación, situado no zona vella de Vigo, cuxo alugueiro suporía arredor de 5500 euros ao mes.

    Segundo explican, este traslado non respondería a unha necesidade operativa real, senón principalmente a criterios de imaxe e visibilidade, unha decisión que consideran incompatible coa delicada situación económica da entidade.

    Ademais dos despedimentos, o persoal denuncia un clima laboral de «presión constante» e de falta de confianza, así como unha progresiva deterioración das condicións laborais. Tamén alerta de determinadas esixencias organizativas que entende contrarias á protección da saúde laboral, como a realización consecutiva de varios campamentos sen períodos suficientes de descanso.

    CCOO-Ensino insiste en que a viabilidade de Down Vigo non pode construírse á custa do emprego nin das condicións laborais e reclámalle á dirección un proceso de diálogo que permita atopar solucións consensuadas para superar a actual crise.