Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

CCOO chama a participar nas mobilizacións do Orgullo en defensa dos dereitos das persoas LGTBIQA+

    CCOO fai un chamamento á súa afiliación, ás persoas traballadoras e ao conxunto da cidadanía para participar nas mobilizacións do Orgullo que se celebrarán esta fin de semana en distintas cidades galegas.

    26/06/2026.
    Manifestacións do Orgullo 2026

    Manifestacións do Orgullo 2026

    O sindicato reivindica a necesidade de seguir avanzando na igualdade real das persoas LGTBIQA+, tanto nos centros de traballo como no conxunto da sociedade, e advirte de que «fronte ao odio non caben nin a neutralidade nin a equidistancia».

    CCOO alerta do incremento dos discursos e dos delitos de odio por orientación sexual e identidade de xénero, unha realidade que tamén afecta o ámbito laboral. Segundo os últimos datos do Observatorio Galego contra a Discriminación por Orientación Sexual e Identidade de Xénero, correspondentes a 2023, rexistráronse 23 casos en Galicia, a cifra máis alta desde o inicio da serie en 2016. Estes supoñen o 20 % do total de incidentes de odio na comunidade e sitúan esta causa como a terceira máis frecuente, só por detrás do racismo e a xenofobia e da ideoloxía. No conxunto do Estado contabilizáronse 521 incidentes, 57 máis que no ano anterior.

    O sindicato lembra que os dereitos conquistados deben aplicarse de maneira efectiva en todos os centros de traballo e reclama tolerancia cero fronte á discriminación, así como un compromiso firme das empresas e das administracións para garantir espazos laborais seguros, inclusivos e respectuosos coa diversidade. «A súa vergoña, o noso orgullo» é o lema co que CCOO reivindica un Orgullo no que todas as persoas LGTBIQA+ poidan desenvolver a súa vida laboral libres de discriminación.

    As mobilizacións previstas en Galicia son as seguintes:

    Sábado 27 de xuño

    — Pontevedra: 20:00 horas, parque das Palmeiras.

    — Vigo: 20:00 horas, praza de Fernando 'O Católico'.

    Domingo 28 de xuño

    — A Coruña: 19:30 horas, praza de Ourense.

    — Ferrol: 12:00 horas, praza de Amada García.

    — Santiago: 12:00 horas, praza 8 de Marzo.

    — Lugo: 20:00 horas, praza da Horta do Seminario.

    — Ourense: 19:00 horas, praza do Bispo Cesáreo.