Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

CCOO coida positivo o avance na negociación do convenio do comercio metal de Pontevedra e trasladará á mesa a decisión da asemblea de desconvocar a folga

    A presión exercida durante as últimas semanas foi determinante para desbloquear a negociación.

    29/06/2026.
    Manifestación do comercio do metal en Vigo, o 8 de maio.

    Manifestación do comercio do metal en Vigo, o 8 de maio.

    CCOO Servizos Galicia informa de que a asemblea de persoas traballadoras do sector do comercio do metal da provincia de Pontevedra decidiu apoiar a proposta económica presentada pola patronal e, en consecuencia, acordar a desconvocatoria da folga prevista no sector.

    A proposta, sometida á consideración do cadro de persoal, recolle incrementos salariais do 2,9 % para 2025 e do 3 % para 2026, ademais dunha cláusula de revisión salarial vinculada ao IPC, unha cuestión que desde CCOO se considera esencial para protexer o poder adquisitivo das persoas traballadoras.

    Desde a organización sindical realízase unha valoración positiva da proposta presentada pola patronal, ao entender que supón un avance significativo respecto da situación de bloqueo que se mantiña na negociación e permite abrir unha vía para acadar un acordo que dea estabilidade ao sector durante os anos 2025 e 2026.

    CCOO considera ademais que este movemento empresarial non pode entenderse sen a mobilización das persoas traballadoras e sen a convocatoria de folga impulsada polas organizacións sindicais. A presión exercida durante as últimas semanas foi determinante para desbloquear a negociación e propiciar a presentación dunha proposta que ata ese momento non se producira.

    A decisión adoptada pola asemblea volve demostrar que son as persoas traballadoras as que marcan o rumbo da negociación. Tras analizar o contido da proposta e debater colectivamente o seu alcance, a maioría decidiu apoiala e apostar por unha solución negociada ao conflito.

    A vontade de CCOO é trasladar formalmente esta decisión á reunión da mesa negociadora prevista para o vindeiro 7 de xullo e traballar para pechar un acordo que permita dar saída ao convenio colectivo para os anos 2025 e 2026, dotando o sector dun marco de estabilidade e seguridade.

    Así mesmo, as partes asumiron o compromiso de retomar as negociacións no mes de setembro. Nesa nova fase abordaranse as materias que continúan pendentes de negociación e iniciarase o traballo necesario para sentar as bases do futuro convenio colectivo a partir de 2027, co obxectivo de seguir avanzando en dereitos laborais, condicións de traballo e recoñecemento profesional para as persoas traballadoras do sector.

    Desde CCOO enténdese que o acordo acadado debe servir non só para resolver a situación actual, senón tamén para abrir unha nova etapa de negociación que permita afrontar os retos presentes e futuros do comercio do metal da provincia de Pontevedra desde o diálogo e a negociación colectiva.

    Finalmente, o sindicato quere agradecer a implicación, a participación e o compromiso demostrado polas persoas traballadoras durante todo o proceso. A unidade amosada polo cadro de persoal foi un elemento fundamental para fortalecer a posición negociadora e acadar avances concretos na mesa de negociación.

    CCOO Servizos Galicia continuará defendendo os intereses das persoas traballadoras e manterá informado o conxunto do sector de calquera novidade que se produza no desenvolvemento das negociacións.