Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

CCOO mobilízase en Vilagarcía para denunciar o colapso da oficina de Correos por falta de persoal

    CCOO mobilizouse este mediodía diante da oficina de Correos de Vilagarcía de Arousa para denunciar a grave falta de persoal que sofre e reclamar a cobertura inmediata das vacantes e a contratación urxente de persoal de reforzo.

    29/06/2026.
    Concentración de CCOO fronte á oficina de Correos de Vilagarcía de Arousa (29/6/2026)

    Concentración de CCOO fronte á oficina de Correos de Vilagarcía de Arousa (29/6/2026)

    O sindicato advirte de que a situación está a deteriorar a calidade do servizo público postal e as condicións laborais do cadro de persoal.

    Esta oficina pasou de contar con seis traballadores e traballadoras na quenda de mañá a dispoñer unicamente de tres efectivos para atender a toda a cidadanía. Esta redución do 50 % do cadro de persoal está a provocar longas esperas, que alcanzan de media os trinta minutos, e un evidente empeoramento da atención ás persoas usuarias.

    «Non estamos ante un problema puntual, senón ante unha falta estrutural de persoal que Correos se nega a solucionar», denunciou Isaac de las Heras Amoedo, delegado de CCOO en Correos na provincia de Pontevedra.

    O sindicato lembrou que a situación obriga mesmo a directora e a xefa de equipo a abandonar parte das súas funcións organizativas para atenderen directamente o público e cubriren postos que a empresa pública mantén vacantes.

    O persoal di «basta!»

    Durante a concentración, CCOO repartiu un folleto informativo para explicarlle á veciñanza as razóns da protesta. Baixo o lema «A paciencia acabou. Agora dicimos: basta!», o persoal denuncia que durante demasiado tempo asumiu un incremento constante da carga de traballo, a incorporación continua de novas funcións, a redución do cadro de persoal e a desaparición das coberturas por baixas, vacacións e outras ausencias.

    «Estamos cansos da falta de respecto ao persoal das oficinas, de que non se cubran as baixas e as vacacións, de asumir responsabilidades que ninguén recoñece e de soportar unha presión crecente para cumprir obxectivos mentres ofrecemos un servizo que a cidadanía non merece», afirmou De las Heras.

    CCOO denuncia a actitude «irresponsable» da empresa pública

    CCOO denuncia tamén que, lonxe de reforzar o persoal nun período en que a poboación de Vilagarcía aumenta polo turismo, Correos pretende incrementar a carga de traballo da oficina coa incorporación de novos trámites relacionados cos procesos de regularización de persoas migrantes, sen dotar o centro dos recursos humanos necesarios.

    «É absolutamente irresponsable seguir asumindo novas funcións mentres non se cobren as vacantes existentes nin se dota a oficina do persoal necesario para atendelas», engadiu o delegado sindical.

    O sindicato reclama a cobertura inmediata de todas as vacantes, a contratación urxente de persoal de reforzo e o abandono da política de recortes que, ao seu xuízo, está a provocar o colapso de numerosos centros de traballo de Correos e unha deterioración crecente do servizo público postal.