Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

As asembleas de CCOO ratifican por unanimidade o acordo previo do convenio do metal da Coruña e desconvócase a folga

    As asembleas de CCOO-Industria celebradas na tarde do 29 de xuño ratificaron por unanimidade o acordo previo do convenio colectivo do sector siderometalúrxico da provincia da Coruña, froito da mediación do AGA, o sistema extraxudicial de resolución de conflitos.

    30/06/2026.
    Manifestación do sector do metal da Coruña durante a folga do 2026

    Manifestación do sector do metal da Coruña durante a folga do 2026

    Após o apoio das persoas traballadoras a esta proposta, o sindicato desconvoca as xornadas de folga previstas para os días 30 de xuño e 2 de xullo. A Federación de Industria subliña que o acordo é resultado do proceso de negociación e das mobilizacións desenvolvidas nas últimas semanas, nas que o persoal do sector protagonizou oito xornadas de folga para reclamar melloras nas súas condicións laborais.

    A saúde laboral, unha das principais conquistas

    O sindicato destaca como un dos avances máis relevantes a modificación do artigo 46 do convenio, relativo ao plus de toxicidade, penosidade ou perigosidade.

    Segundo o texto acordado, o recoñecemento e percepción deste complemento quedará vinculado ás avaliacións de riscos laborais nos postos de traballo nos que persista un risco cualificado como importante que non se poida eliminar mediante medidas de protección colectiva ou individual. Para CCOO, esta regulación reforza a seguridade xurídica e achega maior obxectividade á aplicación deste dereito.

    O convenio garante unha suba salarial do 15 % en catro anos e blinda o poder adquisitivo. O novo convenio, con vixencia entre 2026 e 2029, establece un incremento salarial acumulado do 15 %, distribuído nun 5 % para 2026, un 3 % para 2027, outro 3 % para 2028 e un 4 % para 2029.

    Ademais, incorpora unha cláusula de garantía salarial vinculada ao IPC sen límite e recolle o aboamento dos atrasos con efectos desde o 1 de xaneiro de 2026.

    Máis estabilidade e límites á temporalidade

    En materia de emprego, o acordo fixa un mínimo do 75 % de persoal fixo nas empresas. Tamén regula o uso das empresas de traballo temporal, prohibindo a súa utilización para cubrir necesidades estruturais e para postos con riscos eléctricos en alta tensión.

    No caso das persoas con contrato fixo-descontinuo, establécese un período mínimo de actividade de seis meses anuais. Ademais, regúlase a posibilidade de rexeitar ata tres chamamentos inferiores a quince días sen perder a preferencia na bolsa de chamamentos.

    O convenio reduce a xornada e reforza a conciliación

    O acordo introduce unha redución progresiva da xornada máxima anual ata situala en 1740 horas no ano 2029 e incorpora novas medidas para facilitar a conciliación da vida laboral e persoal. Entre elas figura a ampliación das vacacións de 24 a 25 días hábiles a partir de 2027, a consideración dos días 24 e 31 de decembro como non laborables e a creación dun permiso retribuído de ata 26 horas anuais para asistir a consultas médicas especializadas e para o acompañamento de fillos e fillas menores de 16 anos, da parella ou de proxenitores dependentes.

    O texto definitivo asinarase nos vindeiros días. Mentres, o sindicato anuncia que centrará o seu traballo na vixilancia e no cumprimento efectivo das condicións pactadas en todas as empresas do sector.