Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

CCOO logra desbloquear a xubilación parcial do persoal laboral e esíxelle ao Goberno que cumpra os seus compromisos co resto do persoal público

    Á espera de coñecer o texto definitivo, a Área Pública de CCOO valora este paso como o resultado dunha intensa loita sindical fronte a unha situación inxusta provocada pola falta de dilixencia do Goberno central.

    30/06/2026.
    Unha protesta de persoal público en Santiago.

    Unha protesta de persoal público en Santiago.

    Onte, 29 de xuño, o Consello de Ministros aprobou un real decreto lei que permitirá dar solución á xubilación parcial do persoal laboral nas Administracións públicas.

    Desde o momento en que o Executivo adoptou decisións que ignoraron a especificidade do emprego público e os principios constitucionais que o rexen, xerouse un escenario profundamente lesivo para miles de empregadas e empregados públicos laborais que, malia teren recoñecido o dereito á xubilación parcial, na práctica, víronse impedidos de exercelo.

    Unha loita sostida para reverter unha inxustiza

    Durante meses, a Área Pública de CCOO denunciou esta situación, cualificándoa de inaceptable e inxustificable, e despregou todas as ferramentas ao seu alcance —negociación, presión institucional e mobilización— para forzar unha solución.

    Grazas a esta acción sostida, conseguiuse reverter parcialmente o problema, materializándose agora na aprobación dun real decreto lei que permitirá facer efectivo o dereito á xubilación parcial do persoal laboral, incorporando fórmulas viables como a cobertura do contrato de remuda mediante persoal temporal ou interino.

    Este avance demostra, unha vez máis, que a defensa firme dos dereitos laborais dá resultados. Sen a presión exercida polos sindicatos, a inacción do Goberno persistiría, prolongando o prexuízo a miles de traballadores e traballadoras.

    Un incumprimento que persiste: persoal funcionario e estatutario

    Porén, CCOO denuncia con rotundidade que o problema está lonxe de se resolver totalmente. O Goberno central mantén un incumprimento manifesto ao non recuperar aínda a xubilación parcial para o persoal funcionario e estatutario, tal e como se comprometeu no Acordo para unha Administración do Século XXI.

    Lonxe de facilitar a súa aplicación, o Executivo contribuíu a bloqueala, por acción ou omisión, ao incluír esta materia, de xeito absolutamente inopinado, no Proxecto de lei de Función Pública da Administración Xeral do Estado, arestora paralizado no Congreso dos Deputados.

    Este movemento supuxo, na práctica, enterrar temporalmente un dereito comprometido, someténdoo aos ritmos e bloqueos parlamentarios e afastándoo da urxencia que require a súa aplicación.

    Os acordos están para cumprilos

    CCOO lembra que os acordos asinados obrigan as partes e que o Goberno central ten a responsabilidade ineludible de eliminar todos os obstáculos políticos e administrativos que están impedindo que o persoal funcionario e estatutario poida acceder á xubilación parcial.

    «O sindicato é claro: se a única vía eficaz para cumprir este compromiso é a aprobación mediante real decreto lei, debe facerse decontado. Non hai xustificación posible para seguir adiando a aplicación dun dereito xa pactado e necesario para garantir condicións dignas de saída do emprego público e unha adecuada renovación de cadros de persoal».

    CCOO aumentará a presión

    CCOO advirte de que non tolerará este incumprimento e que non ficará impasible ante unha nova dilación. A organización sindical xa está a planificar accións de presión, tanto no ámbito institucional como na mobilización do conxunto das traballadoras e traballadores públicos, para obrigar o Goberno a cumprir os seus compromisos.

    A organización subliña que a paciencia do persoal público ten un límite e que non se poden seguir utilizando os seus dereitos como moeda de cambio nin mantelos bloqueados por decisións políticas erráticas.

    Unha mensaxe clara ao Goberno

    A aprobación do real decreto lei para o persoal laboral demostra que si é posible actuar cando existe vontade política. Por iso, CCOO esixe que esa mesma vontade se aplique de maneira inmediata ao conxunto do persoal ao servizo das Administracións públicas.

    «Non caben máis escusas. Non caben máis atrasos. É o momento de cumprir. Por iso CCOO continuará defendendo, con firmeza e determinación, os dereitos de todas as empregadas e empregados públicos ata a súa plena recuperación».