Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

CCOO destinará catro millóns en 2026 e 2027 para apoiar as persoas afiliadas que fagan folga por melloras salariais

    CCOO destinará catro millóns de euros entre 2026 e 2027 para apoiar economicamente as persoas afiliadas que participen en folgas convocadas para desbloquear convenios colectivos e lograr melloras salariais. O anuncio foi realizado este martes polo secretario xeral do sindicato, Unai Sordo, nunha comparecencia conxunta con UGT, organización que tamén creará un fondo propio con este mesmo obxectivo.

    01/07/2026.
    CCOO presentou unha nova ferramenta sindical para apoiar a clase traballadora

    CCOO presentou unha nova ferramenta sindical para apoiar a clase traballadora

     A medida pretende reforzar a capacidade negociadora das persoas traballadoras nun contexto de bloqueo da negociación do novo Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC) por parte da patronal.

    Nunha conferencia de prensa na que tamén compareceu o secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez, os dous sindicatos presentaron esta iniciativa, que contará cun fondo propio en cada organización, co obxectivo de reforzar a capacidade negociadora das persoas traballadoras ante o bloqueo que mantén a patronal para acadar un novo Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC).

    Como sinalou o secretario xeral de Comisións Obreiras, estes fondos, aínda que se xestionarán de forma independente en cada sindicato, coordinaranse para impulsar estratexias comúns nos conflitos laborais, para aumentar a eficacia das mobilizacións cando as negociacións colectivas se atopen bloqueadas.

    Unai Sordo explicou que o fondo compensará a perda salarial das persoas afiliadas a CCOO durante os días de folga, garantindo polo menos uns ingresos equivalentes ao salario mínimo interprofesional, cando o conflito estea motivado pola negociación do convenio colectivo e a mellora dos salarios. A previsión é que a axuda cubra o equivalente ao SMI diario por cada xornada de paro mentres se prolongue o conflito.

    O secretario xeral cualificou a medida de «un antes e un despois no sindicalismo contemporáneo» porque, a diferenza das tradicionais caixas de resistencia, trátase dun mecanismo estruturado e permanente impulsado polas dúas principais organizacións sindicais, que vai reforzar a capacidade de presión, especialmente en sectores en que os salarios son máis baixos ou as patronais se negan a negociar melloras retributivas. Unhas empresas que, como sinalou, «están gañando moito diñeiro, bastante diñeiro e moitas empresas que están gañando moitísimo diñeiro».

    Sordo explicou que, aínda que as estatísticas mostran un crecemento dos salarios medios, entre nove e dez millóns e medio de persoas traballadoras manteñen os seus soldos estancados e seguen perdendo poder adquisitivo polo aumento acumulado dos prezos, especialmente os da vivenda.

    Neste contexto, defendeu que CCOO seguirá reclamando incrementos salariais de entre o 4 % e o 7 % nos convenios colectivos e asegurou que o novo fondo non busca fomentar o conflito, senón «dar poder de negociación» aos representantes sindicais cando as negociacións se bloqueen. CCOO reclámalle á CEOE empezar a negociar sobre a proposta de AENC que os sindicatos avanzaron en xaneiro dunha suba mínima anual do 4 % nos salarios, que pode chegar ata un 7 % en persoas que agora perciben un soldo por debaixo do salario medio.

    Con este fondo, o obxectivo é evitar que o custo económico de secundar unha folga condicione a capacidade das persoas traballadoras de conseguir melloras laborais. «Buscamos dar poder de negociación a sindicalistas que as pasan gordas para pecharen o seu convenio, e que a perda de ingresos por facer folga non sexa o motivo para perder esas batallas», concluíu Unai Sordo.