Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

CCOO de Galicia amosa o seu compromiso social ao implicarse no proceso de regularización de persoas migrantes

    A organización comprométese a seguir acompañando a estas persoas nos trámites futuros para garantir os seus dereitos laborais, axudarlles na súa formación e facilitarlles a homologación de títulos.

    01/07/2026.
    Material divulgativo do proceso de regularización.

    Material divulgativo do proceso de regularización.

    O proceso de regularización extraordinaria de persoas migrantes, posto en marcha polo Goberno central, rematou este 30 de xuño, logo de meses de intenso traballo por parte das Comisións Obreiras, tamén en Galicia. En calidade de organismo autorizado para a tramitación e xestión do expedientes, o sindicato fixo un exercicio de responsabilidade e compromiso social. Para CCOO de Galicia, de feito, a atención á poboación migrante e a garantía dos seus dereitos fundamentais constitúen eixes prioritarios e estratéxicos da acción sindical.

    No conxunto do Estado, foron máis de 7500 os expedientes tramitados por unha rede dunhas 200 persoas traballadoras. A maioría das persoas proveñen da América Latina —con Colombia, Perú e Venezuela á cabeza—, seguida por Marrocos e Alxeria. As mulleres supuxeron unha porcentaxe moi significativa, preto do 50 %.

    O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, en concreto, despregou a súa rede de atención nos locais da Mariña, Lugo, Arousa, Vigo, Ourense e Ferrol. Cómpre salientar o compromiso militante e a profesionalidade do persoal implicado, que tivo que afrontar unha carga de traballo excepcional.

    Para Comisións Obreiras, este proceso de regularización supuxo un «exercicio de responsabilidade política» que permitirá a milleiros de persoas saír da economía informal para traballar con plenos dereitos, seguridade xurídica e acceso á protección social. A partir de agora, o Goberno ten tres meses para resolver os expedientes, de xeito que esiximos medios abondos para afrontar esta fase.

    A organización sindical, pola súa banda, comprométese a seguir acompañando a estas persoas no que vén para garantirlles os seus dereitos laborais, axudarlles na súa formación e facilitarlles a homologación de títulos. Trátase, en definitiva, de garantir que poidan acceder a empregos mellor cualificados e condicións máis dignas.