Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

Convocadas protestas no transporte de mercadorías da provincia da Coruña tras a ruptura das negociacións do convenio

    A primeira concentración será no polígono da Grela na Coruña, o próximo día 9, ante a negativa da patronal a abordar as principais demandas sindicais.

    01/07/2026.
    CCOO IMPUGNA A RESOLUCIÓN DA DIRECCIÓN XERAL DE TRANSPORTE

    CCOO IMPUGNA A RESOLUCIÓN DA DIRECCIÓN XERAL DE TRANSPORTE

    As centrais sindicais CCOO, CIG e UGT, que compoñen a mesa negociadora, convocarán unha primeira concentración no polígono da Grela na Coruña, o próximo día 9, ante a negativa da patronal a abordar as principais demandas sindicais e a ruptura das negociacións do convenio colectivo do transporte de mercadorías por estrada da provincia da Coruña.

    En agosto de 2025 asinouse un acordo para ese ano sobre a suba económica, coa idea de non seguir acumulando meses co convenio caducado e propiciar a negociación dun convenio plurianual. O compromiso de ambas as partes era que esa nova negociación incluiría, ademais da suba económica, melloras na xornada e a remuneración do traballo nocturno, en domingos, do tempo de presenza, melloras para o persoal de almacén e administración ou o recoñecemento de novas realidades no sector como son o emprego de mega dúos ou trens de estrada, entre outras.

    Agora, a patronal do sector pretende non abordar moitas desas cuestións ademais de, nunha situación de alza de prezos provocada pola guerra de Irán, non asumir unha garantía sobre os salarios.

    Logo de meses de negociación, a patronal presenta unha oferta económica que, para o ano 2026, é mesmo inferior ao IPC interanual de xuño, ademais de afectar só ao salario base, sen actualizar así o resto de conceptos (antigüidade, plus de longa distancia, axudas de custo, etc.). Ademais de pretender que os salarios só suban desde o asinamento do convenio e non desde o día 1 de xaneiro, algo que os sindicatos cualifican de inaceptable.

    Desta maneira, a patronal quere afondar unha vez máis na enorme perda de poder adquisitivo deste sector nos últimos anos, que as centrais sindicais calculan en máis do 12 % e que só recolleu o custo real da vida no citado acordo de 2025. As centrais sindicais non van asinar, polo tanto, nada que non supoña unha recuperación desa fenda que provocou que este sector xa non se considere como unha saída laboral digna. Ás duras condicións do traballo no transporte únense uns salarios que hai moito que deixaron de atraer novos traballadores e traballadoras.

    Sinalan que a pretensión da patronal é repercutir cara abaixo os custos e que volvan ser os traballadores e traballadoras quen lles financien as empresas para competir no mercado con compañías máis grandes. Por iso anuncian o inicio inmediato de mobilizacións e dunha campaña de información no sector para lle dar a volta a esta situación de parálise e cerrazón por parte da patronal.

    A primeira mobilización será na Coruña, no polígono da Grela, o xoves 9 de xullo, ás 11 h. Unha mobilización que se replicará posteriormente noutros polígonos da provincia con presenza de transporte de mercadorías.