Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia | 14 Xullo 2026.

O Tribunal Supremo confirma a fraude dos falsos autónomos en Frigolouro: eran persoas traballadoras por conta allea

    A Federación de Industria de CCOO celebra a sentenza do Tribunal Supremo que confirma a existencia dunha relación laboral entre Frigolouro e as persoas cooperativistas de Servicarne, poñendo fin a un longo proceso xudicial e ratificando que a utilización da cooperativa constituía unha fraude laboral.

    02/07/2026.
    Carteis da campaña de CCOO contra servicarne

    Carteis da campaña de CCOO contra servicarne

    A Sala do Social estimou os recursos presentados por CCOO, pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e polas persoas traballadoras. Deste xeito, deixa sen efecto a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e confirma integramente a resolución de instancia, emitida polo Xulgado do Social n.º 2 de Vigo. Ademais, imponlles as custas procesuais ás empresas recorrentes —Frigolouro e Servicarne.

    O Alto Tribunal conclúe que Servicarne non actuaba como unha auténtica cooperativa de traballo asociado, senón que se limitaba a fornecer man de obra a Frigolouro, sendo esta última a verdadeira empregadora das persoas que prestaban servizos nas súas instalacións.

    Para Comisións Obreiras, esta resolución culmina unha loita sindical iniciada en Frigolouro hai varios anos e que permitiu destapar o modelo fraudulento das falsas cooperativas no sector cárnico. O traballo desenvolvido por CCOO converteuse no punto de partida dunha campaña que contribuíu a desmontar este sistema noutras empresas do sector.

    O sindicato destaca tamén o compromiso das persoas traballadoras afectadas e o labor da representación sindical e dos servizos xurídicos de CCOO, fundamentais para acadar esta resolución.

    CCOO-Industria analizará agora o alcance da sentenza para impulsar todas as actuacións necesarias que garantan o pleno recoñecemento dos dereitos das persoas afectadas e consoliden esta importante vitoria na loita contra a fraude laboral.